Skip to main content
Lugo

Ana Pontón reclama na súa visita ao San Froilán as insfraestruturas pendentes

Por 10 Outubro, 2023Sin comentarios

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá Lugo para compartir coa veciñanza unha das súa festas máis emblemáticas, o San Froilán, cumprindo con algunhas das tradicións desta celebración acompañada polo tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo.

A líder do BNG aproveitou para falar das infraestruturas pendentes nesta provincia, en particular en materia ferroviaria, e avanzou que está será unha das cuestións que estará sobre a mesa de negociación da investidura co PSOE.

“Levamos moito tempo vendo como Lugo foi a gran discriminada algo que se pode ver nas infraestruturas”, subliñou, poñendo como exemplo a autovía A-54 ou as comunicacións en ferrocarril.

Con respecto disto, afirmou que “o BNG porá sobre a mesa de negociación do futuro goberno de Sánchez que Lugo se suba ao tren do século XXI, unha gran oportunidade para o seu desenvolvemento económico”. Pontón manifestou que “non podemos permitir unha Galiza de dúas velocidades pola falta de investimentos en ámbitos tan importantes como o das comunicacións. O avance e o progreso de Lugo teñen que estar apoiados dende os gobernos”.

En relación ao debate do estado da Nación, que conclúe este mércores coa votación das propostas de resolución, a portavoz nacional anunciou que esta mesma mañá o BNG rexistrou a creación dun Fondo de equilibrio territorial “tanto en servizos como en infraestruturas para evitar que existan cidadáns de primeira e de segunda”.

Pontón puxo o foco sobre a potencialidade do rural e do interior do País, reclamando a necesidade “dun goberno da Xunta capaz de investir e discriminar positivamente na zona interior para corrixir un desequilibrio que se leva producido ao longo dos últimos anos”, porque, argumentou, “o futuro pasa por un equilibrio dentro do País e por aproveitar todo o potencial das súas zonas interiores, porque non entendemos Galiza sen o seu rural nin o seu interior”.

A líder do Bloque aproveitou para felicita a todos os veciños e veciñas do San Froilán, “unha festa que ten unha dimensión que vai moito máis alá de Lugo”, indicou, cualificándoa como “unha das festas galegas por excelencia” e declarando que é algo que asocia ao recordo da súa infancia e adolescencia. Pontón amosou a súa ledicia polo éxito de participación desta edición e por “ver un Lugo cheo de vida, que é o que precisan as cidades: vida e dinamismo económico”.