Skip to main content
Lugo

A Real Filharmónica de Galicia abre o programa de concertos da Filarmónica

Por 14 Outubro, 2023Outubro 15th, 2023Sin comentarios

O venres, 20 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo dará comezo á que será a súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrumpida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Trece concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila que traerán á nosa cidade a mellor música.

Ábrese a tempada con dous concertos que ofrecerán, case de forma consecutiva, as dúas grandes orquestras da nosa Comunidade. A Real Filharmonía de Galicia actuará no Círculo das Artes este venres 20, dirixida pola portuguesa Joana Carneiro, e una semana máis tarde, o 27 de outubro, será a Orquestra Sinfónica de Galicia a que interpretará os dous concertos para piano de Frederic Chopin, xunto co pianista e director canario Iván Martín, no mesmo escenario.

Todos os concertos do ciclo serán no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h.

As persoas interesadas en adquirir o abono de tempada ou facerse socias da Sociedad Filarmónica pódeno facer escribindo ao correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com. As entradas para non socios, para os concertos soltos, poderanse adquirir o mesmo día da actuación nas oficinas do Círculo das Artes. Tamén haberá entradas para estudantes a prezo moi reducido e entrada de balde para menores de idade e estudantes do Conservatorio.

OS ARTISTAS

Joana Carneiro, directora

Joana Carneiro é, dende a tempada 2020/2021, a principal directora invitada da RFG. É ademais a batuta principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa no Teatro São Carlos de Lisboa e directora artística do Estágio Gulbenkian para Orquestra dende 2013. De 2009 a 2018 foi directora musical da Sinfónica de Berkeley, sucedendo a Kent Nagano como a terceira directora musical nos 40 anos de historia da orquestra. De 2006 a 2018 foi directora convidada da Orquestra Gulbenkian.

Ten dirixido a Real Filharmónica de Liverpool, Royal Philharmonic, Filharmónica de Radio Francia, Ensemble Orchestral de París, Orquestra de Bretaña, Sinfónica de Norrköping, Orquestra de Norrlands, Orquestra da Residencia da Haia, Filharmonía de Praga, Sinfónica de Malmö, Orquestra Nacional de España e a Sinfónica do Teatro La Fenice na Bienal de Venecia; así como a Filharmónica de Hong Kong, Orquestra de Cámara de Macao e a Orquestra de Beijing no Festival Internacional de Música de Macao. En América dirixiu a Filharmónica dos Ánxeles, Sinfónica de Toronto, Orquestra de Cámara de St. Paul, Sinfónica de Detroit, Sinfónica de Colorado, Sinfónica de Indianápolis, Orquestra de Cámara dos Ánxeles, Sinfónica do Novo Mundo e a Sinfónica do Estado de São Paulo.

André Cebrián, frauta

André Cebrián é solista de frauta da Scottish Chamber Orchestra. Tras as súas primeiras experiencias en xoves orquestras como a OJSG, a JONDE, a Britten-Pears ou a Gustav Mahler Jugendorchester, axiña iniciou a súa carreira profesional en orquestras como a Sinfónica de Galicia, Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Tenerife, Orquestra de Cadaqués, Orquestra da Comunidade Valenciana, Orchestra Mozart, Nacional do Porto, Staatkskapelle Dresden ou Sinfónica de Asturias. É invitado regularmente como solista de frauta na BBC Scottish Symphony, Philharmonia Zürich, Royal Scottish National Orchestra, Spira Mirabilis, Sinfónica de Castela e León, Filharmónica de Gran Canaria, Sinfónica de Barcelona (OBC), Gran Teatro do Liceu, Malaysian Philharmonic e Orchestra Leonore.

André non é só un experimentado músico de orquestra, senón un apaixonado da música de cámara. Cando non está tocando en orquestra, pódese encontralo facilmente co quinteto de vento Azahar Ensemble, ou Natalia Ensemble (ensemble sinfónico que fundou en 2013 e do que ademais é director artístico e arranxista) ou cun dos seus proxectos a dúo coa arpista Bleuenn Le Friec ou co guitarrista Pedro Mateo González.

A súa carreira como solista lévao por países como España, Alemaña, Polonia, Xeorxia ou o Reino Unido xunto a orquestras como a Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Castela e León, Orquestra da Comunidade de Madrid, Dresden Staatskapelle, Scottish Chamber, Georgian Sinfonietta ou a Filharmonia Zabrzańska e con directores como Jean-Christophe Spinosi, Zsolt Nagy, Alejandro Posada, Lanfranco Marcelletti, Vladimir Jurowski, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Joana Carneiro, Guillermo García-Calvo, Vakhtang Kakhidze, Maxim Emelyanychev ou Peter Whelan.

Realiza os seus estudos na súa cidade natal (Santiago de Compostela) e Salamanca con Luis Soto, Laurent Blaiteau e Pablo Sagredo; continuándoos na Hochschule für Musik Detmold con János Bálint e na Haute École de Musique de Gèneve con Jacques Zoon.

André comparte a súa paixón pola música nos numerosos cursos que realiza por todo o mundo así como coas xoves orquestras ás que acode cada tempada (JONDE, OJA, JONC, JOGV, OSAV, OSIM, OSAV…). Entre 2013 e 2020 foi profesor de frauta e música de cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón e dende 2020 é o profesor de Frauta da Academia de Estudos Orquestrais da Fundación Barenboim-Said.

A súa faceta como editor e arranxista levárono a crear a editorial Jopfen Music, onde se poden encontrar moitos dos seus arranxos.

John Corigliano

Leonard Bernstein dixo del que era “o compositor con máis talento de hoxe en día”. Ao longo dos últimos 40 anos grandes músicos, directores e intérpretes continuaron dicindo o mesmo, gabando a súa imaxinación, creatividade e talento. O seu catálogo é moi amplo e inclúe preto de cen obras de música de cámara, 3 sinfonías e 8 concertos, por non mencionar o seu Óscar en 1999 pola excelente Banda Sonora Orixinal de O violín vermello, ou Mr. Tambourine Man: Seven Poems of Bob Dylan (2000) para orquestra e soprano, cuxa gravación gañou no ano 2008 o Grammy a Mellor Composición Contemporánea. A lista de recoñecementos é moi longa, un Pulitzer, o prestixioso Grawemeyer Award for Music Composition, tres Grammys e un Óscar, o recoñecemento da profesión e unha imaxinación desbordante. Recibiu bolsas de estudos da Fundación Guggenheim, National Endowment for the Arts e Meet the Composer.

Corigliano traballou na Juilliard School of Music e é ademais Distinguished Professor of Music at Lehman College, City University of New York, que creou unha bolsa de estudos co seu nome. Nado en 1938, fillo de músicos, John Corigliano viviu sempre na cidade de Nova York.