Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo estima un retorno económico de 7,3 millóns do Caudal Fest

Por 18 Outubro, 2023Sin comentarios

Segundo as cifras esgrimidas pola organización, a quinta edición do festival acadou un impacto económico récord, xerando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos. 37.567 persoas asistiron ao festival os pasados 15 e 16 de setembro, acadando unha ocupación hostaleira, non só en Lugo, senón en toda a comarca do 100%.

En 2023, o Caudal Fest celebrou a súa edición máis exitosa ata a data, converténdose, de novo, na última gran festa do verán, lema co que naceu no 2018, impulsado pola rexedora Lara Méndez. Na súa quinta entrega, o festival lucense volveu ser unha das citas coa música en directo máis importante do terzo norte peninsular, co Concello de Lugo como principal impulsor e patrocinador.

Segundo datos achegados pola organización, foron un total de 37.567 persoas as que asistiron ao festival os pasados 15 e 16 de setembro. De novo, o paseo fluvial do río Miño nas inmediacións dos xardíns do Pazo de Feiras, foi a contorna ideal para que se desenvolvese o Caudal Fest, unha contorna natural privilexiada para celebrar unha cita como esta.

A alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que o festival é “un evento en continua progresión, cun público fiel, que demostra ano tras ano as súas ganas de gozar da nosa cidade, da cultura e da música en directo, mostrando unha actitude entusiasta que estivo por encima da climatoloxía, xa que nin a auga rexistrada nesta edición foi quen de embazar nin un só momento do Caudal”.

En canto ao impacto económico da cita, segundo datos esgrimidos pola organización, o retorno superou este ano os 7,3 millóns de euros na cidade de Lugo, o que supón, tamén unha nova cifra récord. Outro dato relevante relativo ao impacto socioeconómico do festival é que a ocupación hostaleira, non só en Lugo, senón en toda a comarca foi do 100% durante a fin de semana de Caudal Fest 2023.

Neste sentido, a rexedora valorou moi positivamente a quinta edición do evento “situándose por encima das expectativas” e remarcou a súa repercusión na cidade “tanto desde o punto de vista da ocupación hostaleira, como doutros servizos beneficiados como o comercio, a hostalería, os de mobilidade ou de alimentación, entre outros”.

A visibilidade de Caudal Fest é tamén un dos puntos fortes da súa evolución. Este ano, a repercusión mediática do mesmo superou os 97 millóns de impactos, a través da súa difusión nas redes sociais e os medios de comunicación, sendo xa un dos eventos con maior repercusión de toda Galicia.

Finalmente, en canto ao emprego xerado, Caudal Fest 2023 deu lugar a máis de 350 contratacións directas e a xeración de máis de 2.000 empregos indirectos, sendo outro dos datos sobresaíntes desta edición.

A rexedora avanzou, así mesmo, que xa se está a traballar na próxima edición do festival, que se celebrará os días 20 e 21 de setembro do ano que vén, co obxectivo de desenvolver na capital luguesa a que é xa una das citas ineludibles dentro do mapa de festivais de toda a península. Un festival de cada vez maior formato que é unha referencia en Galicia (cuarto festival máis grande da comunidade) e en todo o norte de España “e do que pronto coñeceremos as primeiras novidades de cara ao vindeiro ano”, concluíu Méndez.