Skip to main content
Lugo

A EPS de Enxeñaría reivindica a mobilidade “eficiente e sostible” do tren

Por 19 Outubro, 2023Sin comentarios

Ineco aposta polo Campus de Lugo como polo de atracción e captación de talento, sinala a xerente de Proxectos e Innovación da compañía de enxeñaría e consultoría de referencia en mobilidade e transformación dixital, Ana Rodríguez Aranegui, na apertura dun foro con estudantes e docentes do grao en Enxeñaría Civil da USC.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC reivindica a mobilidade “eficiente e sostible” do tren fronte a outros medios de transporte, segundo manifestou a directora do centro universitario lugués, Rosa Romero, na apertura da xornada ‘Optimización aplicada ao deseño de infraestruturas ferroviarias’, un programa dirixido a estudantes do grao en Enxeñaría Civil e a profesionais do sector, organizado en colaboración con Ineco, ADIF e a Deputación Provincial de Lugo, indicou o profesor da área de Matemática Aplicada da USC, Gerardo Casal.

A xerente de Proxectos e Innovación de Ineco, unha compañía de enxeñaría e consultoría de referencia en mobilidade sostible e transformación dixital, Ana Rodríguez Aranegui, sinalou na súa intervención que a celebración deste foro encádrase no marco do convenio asinado entre Ineco e a USC para o desenvolvemento de solucións apropiadas para a mellora dos trazados ferroviarios, ao tempo que destacou a aposta que está a facer esta compañía internacional por Lugo e polo seu campus como polo de atracción e captación de talento.

A psicóloga e especialista en formación e xestión de talento do grupo Ineco, María Sánchez Valdepeñas, abriu a quenda de relatorios do programa cunha presentación das liñas de actividade e da dimensión transversal do grupo empresarial Ineco. Ao remate da súa intervención, o enxeñeiro de Camiño, Canais e Portos de Ineco, ademais de especialista en trazado ferroviario, Ignacio González Benito, ofreceu a charla ‘Trazado ferroviario en fase de proxecto (Ineco)’. O enxeñeiro Civil e enxeñeiro técnico en Topografía Miguel Prado Penas, que está especializado en execución de obras de infraestruturas lineais, pechou a primeira quenda de intervencións cunha exposición sobre a execución en obra dos proxectos de trazado ferroviario.

Os profesores da USC Alberte Castro Ponte, da Área de Enxeñaría e Infraestrutura do Transporte da USC, e Miguel E. Vázquez Méndez, do departamento de Matemática Aplicada, puxeron o colofón ao programa matinal cunha sesión explicativa sobre as técnicas de optimización no deseño automático de infraestruturas lineais e as súas aplicacións en trazados ferroviarios.

A xornada sobre infraestruturas ferroviarias organizada desde a EPS de Enxeñaría da man de Ineco tivo continuidade en quenda de tarde cunha visita de obra á liña ferroviaria que conecta Monforte de Lemos e Ourense, a través da que todas as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer os labores de rehabilitación e mellora que está a desenvolver ADIF.