Skip to main content
Lugo

Arroxo defenderá no Pleno que a Igrexa pague impostos polos seus bens

Por 21 Outubro, 2023Outubro 23rd, 2023Sin comentarios

Arroxo lembrou que “a igrexa cobra entrada por visitar a Catedral e ademais recibe unha gran cantidade de diñeiro público para o seu mantemento”.

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG defenderá no Pleno Municipal unha proposta para instar ao estado a revisar os acordos co Vaticano que evitan que a Igrexa pague impostos. Rubén Arroxo afirmou “resulta totalmente anacrónico e inxusto que existan negocios que non tributen por ser propiedade da igrexa”. O concelleiro do BNG destacou que “é hora de eliminar as discriminacións e os favoritismos por razón de ideoloxía relixiosa, a igrexa ten que pagar impostos polos seus negocios”.

Arroxo sinalou que “para o BNG resulta especialmente sangrante o caso do negocio de aparcadoiro que a igrexa está a explotar na cidade de Lugo e que non está a tributar igual que o fan o resto de empresas implantadas no concello”. No caso do aparcadoiro do seminario de Lugo a igrexa católica acóllese a esta lei de mecenazgo para evitar pagarlle ao concello de Lugo o IBI polo negocio de aparcadoiro. Arroxo destacou tamén o caso da catedral, “onde o bispado cobra entrada para visitar un patrimonio da humanidade que recibe cada ano unha importante cantidade de diñeiro público para o seu mantemento, e polo que non se pagan impostos”, explicou.

Segundo os datos da Igrexa, no exercicio 2021 a diocese de Lugo ingresou en total 9.031.897,84€, dos cales tan só 2,03 millóns corresponden ás aportacións das e dos fieis. A aportación tributaria (Fondo Común Interdiocesano) ascendeu a 3,68 millóns, mentres que os ingresos por alugueiro de inmobles e actividades económicas e financieras supuxo un total de 1,3 millóns.

Para o BNG resulta especialmente grave que a igrexa se ampare na lei de mecenazgo para evitar o pagamento de impostos polos negocios empresariais que posúe e que están en competencia directa con outras iniciativas empresariais que teñen a obriga de tributar. No caso do resto dos inmobles é un acordo establecido entre o estado español e o estado vaticano, no ano 1979, o que exime de pagamento aos edificios dedicados ao culto, residencia do clero, seminarios, etc, chegando a acumular en total 72 propiedades no Concello de Lugo polas que non pagan IBI.