Skip to main content
Lugo

O Caudal Fest 2024 vende o 60% dos seus abonos nas primeiras 24 horas

Por 25 Outubro, 2023Sin comentarios

O Caudal Fest 2024 vendeu, en apenas 24 horas, o 60% dos seus abonos. Así o avanzou a rexedora, Lara Méndez, quen destacou “a boa acollida do cartel da vindeira edición do festival, con artistas e bandas de primeiro nivel nacional”. “A calidade do mesmo e o volume e ritmo de venda de abonos é boa mostra da consolidación deste evento na nosa cidade”, subliñou.

O pasado luns á unha do mediodía a organización do Caudal poñía ao dispor do público os abonos para a súa sexta entrega. “A resposta dos fans do festival superou mesmo a gran acollida que o evento tivo na súa pasada edición e en apenas uns minutos os abonos vendidos xa se contaban por miles”, explicou Méndez.

Vinte e catro horas despois desta saída á venda, o Caudal Fest anunciaba a través das súas redes sociais que o 60% dos abonos para os próximos 20 e 21 de setembro de 2024 xa foran adquiridos. Neste senso, tanto dende a organización do festival como dende o Concello agradecen a todas as persoas que volveron a depositar a súa confianza na cita e que queren ser parte, unha vez máis, da última gran festa do verán.

Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner ou Carlos Sadness son os primeiros cabezas de cartel que actuarán no Caudal Fest 2024. Estarán acompañados de grupos como Barry Brava, Ladilla Rusa, Siloé, Huecco, Karavan, Tu Otra Bonita, Ramón Mirabet, Xina Mora, e os galegos Monoulious DOP.

Ao longo das vindeiras semanas iranse desvelando próximas novidades desta edición, a sexta que buscará ser a máis exitosa da historia do festival ata o de agora. En 2023, o evento reuniu a 37.567 persoas en Lugo, supoñendo un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e xerando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos.