Skip to main content
Lugo

Arroxo esixe atención primaria toda a semana en Nadela

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

“A Xunta de Galiza utiliza palabrería barata para tratar de enganar ás máis de 700 persoas usuarias do centro de saúde”.

O viceiro do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que a Xunta de Galiza vén de confirmar a súa intención de recortar os servizos médicos do centro de saúde de Nadela. “Segundo a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria do Sergas, e o xerente da área sanitaria de Lugo, Nadela terá só médico tres días á semana” dixo Rubén Arroxo e engadiu que “mediante palabrería barata pretendese enganar ás máis de 700 persoas usuarias mais a realidade é teimuda e o recorte na asistencia non se lle escapa a ninguén.”

Arroxo lembrou que no verán a veciñanza denunciaba o peche do centro e que a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, “mais estamos a finais de outubro e a veciñanza de Nadela aínda non pode utilizar o seu centro de saúde habitual, tendo que ir a Fingoi algúns días da semana, agora a Xunta e o PP confirman que esta situación seguirase a dar”. O BNG defende que a decisión do goberno galego merma a calidade da atención primaria, e obriga á poboación, en moitos casos maior e con problemas de mobilidade, a desprazarse de maneira innecesaria.

“O peche definitivo da instalación sería unha perda de servizos para unha das zonas do rural de Lugo con máis poboación”, indicou Arroxo. O BNG reclamará á Xunta que garanta a atención sanitaria no Centro de Saúde de Nadela á veciñanza das parroquias do sur de Lugo, cubrindo as distintas prazas libres no Centro de Saúde e garantindo a substitución do persoal durante as vacacións. O portavoz do BNG afirmou que “a Xunta de Galiza pretende pechar o centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública”, e engadiu “a veciñanza ten que poder asistir ao seu médico todos os días, non ter atención dous días á semana no seu centro de saúde e ter que desprazarse o resto”.