Skip to main content
Lugo

Lugo, protagonista nun foro de intercambio de experiencias con Portugal

Por 27 Outubro, 2023Sin comentarios

A cita tivo lugar este xoves no municipio de Valongo e durante a mesma expúxose de maneira detallada o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que xerou un grande interese.

Lugo foi protagonista no VI Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito da Sustentabilidade Urbana, que tivo lugar en Valongo, durante a mañá deste xoves. A xefa do Servizo de Arquitectura do Concello, Susana Penedo, quen formou parte do equipo responsable da construción do Impulso Verde, foi a encargada de presentar o modelo de cidade que está a impulsar o executivo de Lara Méndez, baseado en solucións urbanísticas sostibles para combater o cambio climático.

Deste xeito, o concello lucense foi un dos catro municipios que serviu de exemplo de boas prácticas da posta en marcha de proxectos innovadores, como o LIFE Lugo+Biodinámico, que xerou un gran interés entre as persoas participantes. As outras cidades que expuxeron os seus modelos foron Vila Real, Guimarães e Valongo.

O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico quere contribuír a desenvolver unha estratexia de planificación urbana para lograr unha adaptación efectiva ao cambio climático a escala de veciñanza ou barrio residencial, visualizando este non como unha ameaza, senón como unha oportunidade para a mellora da calidade dos espazos urbanos, considerando o cambio climático como reto, e a necesidade crecente de rexeneración dos ámbitos urbanos como o seu contexto.