Skip to main content
Lugo

Os bombeiros comarcais toman o centro de Lugo para esixir mellores condicións

Por 31 Outubro, 2023Sin comentarios

Este martes a cidade de Lugo foi escenario da concentración dos bombeiros comarcais que esixen a mellora das súas condicións laborais e a negociación dun convenio digno. A manifestación convocouse a partir das 11.30 horas na Praza de San Marcos ante a sede da Deputación Provincial.

Os profesionais, que se concentraron vestidos co seu uniforme de traballo, portaban un cadaleito, flores, unha cruz e pancartas nas que se podía ler varias mensaxes como “Vidas por 1.200 euros” ou “Recortan os nosos dereitos, aforran na nosa seguridade”. Entre os participantes, que pasaron polas prazas de Santo Domingo a San Marcos, atopábanse membros do Consorcio Provincial de Pontevedra, de A Coruña e de Lugo.

Este movemento únese a folga que o sector de bombeiros comarcais mantén en toda a comunidade dende fai máis de catro meses. Para levar a cabo a concentración, cortouse o tráfico da rúa San Marcos e, aínda que se tratou dunha xornada tranquila, os manifestantes estiveron rodeados en todo momento por axentes da Policía Nacional.

Dende os sindicatos amosaron o seu malestar polo falta de intención por parte da Administración de iniciar unha negociación. Reclaman así a elaboración dunha Relación de postos de traballo (RPT) e a xornada laboral de 35 horas.

O ambiente da mobilización distou moito do que se mantivo durante a concentración en Ourense, na que se viviron grandes momentos de tensión e tivo como resultado varios estragos, feridos e detidos.