Skip to main content
Lugo

Arroxo prepara unha ordenanza para implementar o transporte a demanda no rural

Por 31 Outubro, 2023Novembro 2nd, 2023Sin comentarios

O tenente alcalde anunciou que Lugo pode ser así a segunda cidade do estado en contar con rede de transporte público en todo o rural”.

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza con integrantes da asociación de taxistas onde amosou os avances realizados pola área de Mobilidade na implantación dun servizo de transporte a demanda que comunique ás 54 parroquias de Lugo. Arroxo explicou que “Lugo pode ser a segunda cidade do estado que conte cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus poderán solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido”.

O Tenente Alcalde anunciou que a área de Mobilidade está a ultimar unha actualización da ordenanza reguladora do servizo de taxi que contemple a posta en marcha deste servizo. A nova ordenanza actualizará a última aprobada polo Concello de Lugo, datada de 2002, e será actualizada para cumprir coa lexislación galega de 2018. No novo texto permitirase aos taxistas presentarse á licitación deste servizo, unha vez se poña en marcha o procedemento.

A nova ordenanza terá que ser aprobada inicialmente no pleno municipal, tendo que ser aprobada posteriormente pola Xunta de Galiza, e novamente polo Pleno de xeito definitivo.

Segundo Rubén Arroxo, “trátase dun servizo que non existe aínda en ningunha cidade do estado, só en Pontevedra se está a traballar neste servizo”. Arroxo lembrou que desde a área de mobilidade se mantiveron distintas xuntanzas co goberno de Pontevedra” para coñecer o funcionamento deste sistema e poder aplicar un modelo similar en Lugo”.

O transporte rural a demanda requirirá da posta en marcha dunha plataforma de control que permita ao Concello coñecer a demanda do servizo e os percorridos realizados por cada un dos vehículos. O servizo funcionaría de xeito similar ao bus urbano, conectando todas as parroquias con rutas predefinidas nun horario, que se atenderán, mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza de cada un dos núcleos rurais o solicite con antelación.

Segundo Rubén Arroxo “sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo accesible”.