Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

O Día do Veciño reunirá no Pazo de Feiras a un total de 5.000 persoas

Por 17 Outubro, 2023Sin comentarios

Farase entrega das 25 V de Veciño. Este ano serán galardoados, entre outros, os deputados provinciais Pablo Rivera e Marisol Morandeira; o presidente da Confederación Estatal de Asociacións de Veciños, Julio Molina; as Filloeiras de Muimenta, a Asociación de Santa Cristina de Lugo; Protección Civil da Fonsagrada ou a Asociación Veciñal de Mor, de Alfoz, entre outros.

A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a presentación dunha nova edición do Día do Veciño, que o vindeiro domingo, 22 de outubro, reunirá a unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e premiará coa V de Veciño a 25 persoas e entidaddes.

O acto contou coa presenza do presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, a entidade impulsora do evento; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, entre outras autoridades e uns 50 membros do colectivo organizador.

A Deputación colabora co Día do Veciño cunha achega de 24.000€ para distribuír entre os asistentes produtos de proximidade, entre outros fins.

García Porto comezou destacando que o Día do Veciño “reflicte a puxanza do movemento veciñal da provincia e constitúe un dos sinais de identidade dos que nos temos que sentir máis orgullosos”. Nestes sentido, subliñou que a Deputación mantén un firme compromiso de colaboración co movemento veciñal, “como é neste caso co Día do Veciño, para o que aportamos produtos de proximidade e poñemos en valor deste xeito a súa calidade, e o potencial do sector primario e do noso rural; tamén achegamos axudas económicas para que poidan sacar adiante as súas actividades; e escoitamos e analizamos sempre con detemento as xustas reivindicacións e propostas que nos achegan en beneficio da provincia”.

O Día do Veciño “reúne a milleiros de veciños e veciñas unidos polo mesmo sentimento de pertenza a esta terra e compartindo os valores cívicos da boa veciñanza como cemento básico da democracia”, afirmou.

Trátase “dunha festa de unión e, por iso, as institucións temos que traballar para que esa unidade tan viva no plano emocional se manteña tamén no dos dereitos. Non pode haber veciños de primeira e de segunda. Os dereitos como cidadáns e o acceso aos servizos públicos de calidade deben ser iguais para toda a veciñanza”. “Só se pode defender a provincia de Lugo cando se traballa para todos os veciños e veciñas, para o cen por cen das persoas e para a totalidade do territorio. Esa é a mensaxe que nos lanzan os veciños e ese é o compromiso da Deputación de Lugo, agora e no futuro”, recalcou a Deputada.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou a súa intervención para poñer en valor ao movemento veciñal, “protagonistas de reivindicacións que tiñan por obxectivo mellorar o noso municipio e a vida de moitas persoas e, por tanto, motores da consecución de grandes fitos que fan que Lugo sexa hoxe unha cidade mellor”.

A rexedora fixo fincapé tamén na estreita colaboración que dende o Concello se mantén co tecido asociativo que ten algúns deses exemplos no programa “Dito e Feito”, dentro do Muramiñae Rehabilita, a través do cal se executaron máis 60 intervencións na capital nos últimos meses atendendo ás suxestións e peticións das e dos residentes nos diferentes barrios e mesmo o proceso de consulta para buscar o consenso en torno ao Plan de Turismo Sostible ou para atraer interese particular á rexeneración urbanística prevista para a Milagrosa e o barrio Feijoo.

“Temos a convicción de que unha comunicación fluída, unha escoita permanente e un traballo colaborativo eficaz son as mellores ferramentas para aumentar a participación cidadá e que así todo ese labor compartido reverta sobre a sociedade. Neste asunto, o tempo nos está a dar a razón, por que en Lugo o tecido asociativo segue a medrar, o que, sen dúbida, nos está enriquece como comunidade. De aí que desde o Goberno local consideremos fundamental seguir prestando apoio para traballar en todos aqueles asuntos que preocupan á veciñanza”, sinalou Lara Méndez.

V de Veciño

No Día do Veciño 2023 farase entrega das 25 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas ou entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Este ano serán galardoados, entre outros, os deputados provinciais Pablo Rivera e Marisol Morandeira; o presidente da Confederación Estatal de Asociacións de Veciños, Julio Molina; as Filloeiras de Muimenta, a Asociación de Santa Cristina de Lugo; Protección Civil da Fonsagrada ou a Asociación Veciñal de Mor, de Alfoz, entre outros.

CONCERTO

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o Goberno galego patrocina o concerto do grupo vigués A Roda, que porá o broche de ouro á xornada que se celebrará este domingo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A Roda é unha das formacións de música popular galega de máis sona e de maior traxectoria, xa que leva máis de 40 anos en activo. Así mesmo, a Xunta tamén colabora co menú da festa, proporcionando queixos galegos con Denominación de Orixe.

Arias subliñou o apoio da Administración autonómica ao movemento veciñal, a través de programas de axudas para apoiar o seu funcionamento e para financiar actuacións como o acondicionamento de locais sociais e a compra de equipamento. Explicou que nas últimas catro convocatorias, a Xunta leva destinados 1,5 millóns de euros a cooperar con entidades veciñais da provincia de Lugo.