Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXAParadelaRibas de SilTaboada

Comezan as actividades do programa ‘Ribeira Sacra. A caída da folla’ en varios concellos do sur de Lugo

Por 21 Outubro, 2023Novembro 26th, 2023Sin comentarios

Este domingo, 22 de outubro, comezan as actividades, rutas e obradoiros organizadas polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no marco de Ribeira Sacra. A caída da folla, que terá lugar entre o 22 de outubro e o 19 de novembro.

A programación comeza coa actividade Cestas e ao bosque! na Pobra do Brollón. Nela, haberá unha busca de cogomelos de 10.00 a 19.00 horas para poder coñecelos, distinguilos e colleitar os máis saborosos. E, ademais da recollida, haberá xantar degustación. Ten un prezo de 15 euros e inclúe refrixerio a media mañá e xantar, obradoiro de micoloxía, saída ao campo para actividade micolóxica, navalla; guía de peto e sorteo de obsequios.

Datas seguintes

O sábado 28 é o turno da actividade ‘De miradoiro en miradoiro en BTT’, na que se gozará dunhas espectaculares vistas ao Canón do Sil. Trátase dunha ruta fácil, sostible e tecnicamente apta para todos os públicos, na que se descubrirán os miradoiros certificados coa Q de Calidade Turística. A proposta, que ten un prezo de 6 euros, inclúe monitor especializado e realizarase de 10.00 a 14.00. Existe posibilidade de alugar a bicicleta.

Nesta mesma data tamén se organiza en Taboada ‘Comer a Ribeira Sacra con todos os sentidos’, unha experiencia que combina as sensacións da natureza coa gastronomía de Ribeira Sacra. Trátase dunha comida moi especial con todos os sentidos da man de Edgar Tarrés. Haberá unha primeira dinámica nos xardíns, para acabar comendo cos ollos tapados e de forma moi lenta. Un xeito de explicar a importancia de comer amodo para saborear, non só a comida, senón tamén o lugar, a compañía e as sensacións que se derivan de todo iso. Os participantes deben abonar 15 euros e realizarase de 12.30 a 15.30.

Máis actividades

Pola súa parte, o domingo 29 en Chandrexa de Queixa e Montederramo terá lugar Cestas e ao bosque! A actividade micolóxica consiste nunha saída ao monte en busca de cogomelos, para coñecelos, distinguilos e colleitar os máis saborosos. E, ademais da recollida, haberá xantar degustación. Será de 10.00 a 19.00 horas. Ten un prezo de 15 euros e inclúe refrixerio a media mañá e xantar, obradoiro de micoloxía, saída ao campo para actividade micolóxica, navalla; miniguía de peto e sorteo de obsequios.

Tamén, do venres 3 ao domingo 5 de novembro en Manzaneda e A Pobra de Trives organizarase un curso de orientación en montaña con David Caballero, de 3 días de duración, do máis básico ao máis avanzado. Está dirixido a aqueles que pensan que é imposible aprender orientación e realizarse o venres de 18.30 a 21.00 horas, o sábado de 9.00 a 20.00 horas e o domingo de 09.00 a 14.30 horas. Os interesados en participar deben abonar 30 euros, prezo que inclúe o xantar do sábado.

O vindeiro sábado 11 de novembro, a Pobra de Trives tamén acollerá a actividade Cestas e ao bosque, que de novo terá un custo de 15 euros. Por outra banda, o domingo 12 en San Xoán de Río e Ribas de Sil terá lugar Na procura do ouro. Acompañados dun arqueólogo, os participantes coñecerán a labor dos romanos na extracción de ouro e descubrirán de primeira man un dos xacementos mineiros máis importantes de Galicia. Será de 10.00 a 15.00 e ten un prezo de 6 euros con traslados en microbús, monitor especializado e picnic.

O sábado 18, Paradela acolle un curso de explorador no que se aprenderán algunhas nocións sobre como actuar no monte en caso de emerxencia. Tamén aprenderán a facer lume (con ferroceiro) e a construír un refuxio de fortuna, entre outras técnicas. Ten un prezo de 15 euros e será de 10.00 a 17.00 horas, incluíndo xantar e monitor.

A última actividade terá lugar o domingo 19 cun obradoiro de cosmética e ungüentos naturais en San Xoán de Río. Nela, os interesados aprenderán a crear ungüentos mediante a extracción das propiedades medicinais das plantas; elaborarán unha pomada muscular, outra rexeneradora e un bálsamo labial. Será de 10.00 a 14.00 horas e ten un prezo de 6 euros, incluíndo monitor especializado, materiais necesarios, dossier explicativo e obsequio eco responsable.