Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

Lugo acolleu unha multitudinaria celebración do Día do Veciño

Por 23 Outubro, 2023Sin comentarios

A 21º edición do Día do Veciño, organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense, reuniu arredor de 5.000 persoas de diferentes entidades e colectivos da provincia nunha xornada na que se pon en valor o asociacionismo existente.

O Día do Veciño é una celebración realizada cada ano co obxectivo de premiar, recoñecer e homenaxear a persoas da cidade que destacan pola súa colaboración no movemento veciñal e na dinamización e promoción da comarca e provincia. Tamén serve para consumir e potenciar os produtos locais. A comida de confraternidade elabórase con alimentos de proximidade e no recinto colócanse postos de artesanía e gastronomía de produtores lucenses e galegos.

No acto, fixéronse entrega dos 25 premios V de veciño, encontrando entre os premiados ao Presidente da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais, Julio Molina Barthe, os deputados provinciais, Marisol Morandeira e Pablo Rivera, o Tenente Coronel Xefe da Comandancia de Lugo, Julio González Chas, ou o director do Centro Penitenciario de Bonxe, José Manuel Pernás; así comos as filloeiras de Muimenta.

DELEGADO DO GOBERNO

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou esta mañá no Día do Veciño celebrado en Lugo a importancia das asociacións veciñais como un dos piares vertebradores da sociedade, sendo un dos “principais promotores da aposta por produtos autóctonos e exemplo de unión entre os municipios”. Participou na comida de confraternización veciñal e posterior entrega de premios organizada pola Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti acompañado da subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, entre outras autoridades.

Pedro Blanco recoñeceu todo o traballo dos colectivos veciñais “que comparten o obxectivo de dinamizar a vida social como principal baluarte de promoción e desenvolvemento da provincia de Lugo”. Do mesmo xeito, felicitou á Federación e ao seu presidente, Jesús Vázquez,  por organizar un ano máis esta cita, “ocasión perfecta para poñer de relevo todo o bon que ten Lugo, que é moito, tanto a nivel gastronómico como paisaxístico, cultural, social ou histórico”. Blanco fixo clara a súa aposta polos produtos da provincia e de toda a comunidade, nun encontro onde se reúnen preto de 5.000 persoas e que conta con produtos locais e de proximidade.

Así mesmo, o delegado puxo en valor as actuacións que se dan en conxunto entre o Goberno e os concellos a iniciativa dos veciños, “o que fixo posible que Lugo poda contar cunha Estación Intermodal, que se modernice a liña do tren, a mellora das conexións a internet no rural, ou ben a tan demandada hemodinámica 24 horas para o hospital”, lembrou o delegado repasando algunhas das actuacións que se viron cumpridas na provincia “pola escoita e o compromiso do Goberno coas necesidades e demandas dos veciños”.

Finalmente, o delegado animou á Federación de Asociacións de Veciños a seguir con esta proposta para vindeiros anos, “creando e mantendo vínculos estreitos entre todas as persoas que dalgunha forma, inflúen na vida social e comunitaria de Lugo”.

JOSÉ TOMÉ

José Tomé Roca renovou o compromiso de traballo da Deputación de Lugo “e seguir construíndo así o mellor futuro para a provincia”. “A veciñanza é precisamente para quen traballamos cada día dende a institución da man dos Concellos, para conseguir máis e mellores servizos, prestacións e infraestruturas, sobre todo no rural e que a xente non se siga marchando”, explicou.

O mandatario provincial felicitiou ós deputados de Promoción Económica e Social e Tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, e de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, recoñecidos coa V de Veciño nesta edición. “Este recoñecemento supón un incentivo para seguir escoitando e atendendo as necesidades dos veciños e veciñas, que é o noso obxectivo e a nosa obriga como representantes públicos”, aclarou.