Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta presenta o seu informe sobre o estado da Educación no rural

Por 24 Outubro, 2023Sin comentarios

Lugo ten un total de 138 centros educativos na provincia de Lugo, dos que 85 están en contornas rurais. Deses, 69 imparten educación infantil, 68 primaria e 28 ESO. Contan na actualidade con 8.938 alumnos.

A Xunta de Galicia inviste un 43% máis de media no ensino no rural de Lugo que no ámbito urbano debido á dispersión poboacional, o que blinda a igualdade e a equidade dos resultados académicos do alumnado. Así se desprende do informe Panorama da educación en Lugo no ámbito rural que hoxe presentou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

O titular do departamento educativo do Goberno autonómico, acompañado do delegado territorial lucense, Javier Arias, expuxo en rolda de prensa unha radiografía educativa de Lugo, que é a provincia do conxunto de Galicia cun maior peso do ensino rural. De feito, aglutina un total de 138 centros públicos de Educación Infantil, Primaria e ESO, dos cales 85 están situados en contornas rurais.

Tras o procesamento de máis de 200.000 datos de expedientes de alumnos por curso escolar analizado, tanto a nivel Galicia como na provincia de Lugo, e a análise das fontes oficiais tanto do Ministerio como da Consellería de Educación, o conselleiro asegurou que as conclusións extraídas avalan que Galicia “funciona como un distrito educativo único, e Lugo é un exemplo paradigmático disto grazas ao importante esforzo de investimentos en todo o que ten que ver co ensino, desde os programas educativos ata a dotación de infraestruturas e a garantía de servizos como o transporte”.
Máis de 11.000 euros por alumno

Atendendo precisamente ao investimento global, a inversión media por alumno en contornas rurais en Galicia é de 8.933 euros por alumno, mentres que no caso da provincia de Lugo esta inversión ascende a 11.050 euros por alumno. Isto é debido, en parte, a que o rural lucense aglutina seis de cada dez centros educativos fronte a catro de cada dez do conxunto de Galicia.

Esta dinámica, segundo explicou Román Rodríguez, tamén cumpre na variable de gastos de funcionamento, cun investimento de 484,83 euros nos centros do rural de Lugo fronte aos 431,19 euros no conxunto do rural galego.

Rateos e transporte escolar

Ademais dun investimento superior por alumno, tamén destaca o rateo de alumnado por docente e o tamaño dos grupos, cuestións que inciden na atención no día a día na aula. Tamén aquí os datos son moito máis favorables no rural que no urbano co tamaño medio dos grupos por debaixo de 20 alumnos en toda a provincia en todas as etapas de escolaridade obrigatoria e moi inferiores no rural. Igualmente, a rateo alumno/profesor é máis favorable no rural con 7,53 alumnos por docente que no urbano se eleva a 9,72.

Unha das variables de maior impacto económico derivado da dispersión poboacional é o transporte escolar, que nas contornas rurais do conxunto de Galicia ascende a 1.294,3 euros, en tanto que nas contornas urbanas é de 833,5. No caso de Lugo, esta diferenza do 55 % elévase aínda máis, xa que o investimento no rural desta provincia acada os 1.911 euros.

Equidade nos resultados

Este importante esforzo inversor tradúcese, en palabras do conselleiro, “nunha garantía dos resultados académicos dos alumnos lucenses que demostra que o termo que mellor define a educación galega e a educación de Lugo é a equidade”.

De feito, constátase unha dinámica parella nas notas medias globais obtidas polos alumnos independentemente de que vivan no rural ou no urbano, e en todas as etapas educativas obrigatorias. Por exemplo, na etapa de Primaria, a nota media dos estudantes en centros do rural da provincia de Lugo foi de 7,79 no curso 2021/22 e no urbano de 7,72. O mesmo ocorre na etapa de ESO, cun 7,03 no rural e un 6,81 no urbano, polo que non se aprecian apenas diferenzas.

Nestes resultados, segundo explicou o conselleiro, están moi relacionados tamén co acceso aos distintos programas educativos (sobre todo relacionados coas competencias tecnolóxicas, o plurilingüismo, as bibliotecas escolares ou a convivencia) que a Consellería de Educación pon a disposición do cento por cen dos centros de Galicia de maneira universal. En concreto, subliñou que, en comparación co conxunto de Galicia “Lugo destaca especialmente pola súa implicación en programas de plurilingüismo, no Plan Proxecta e no E-dixgal, cunha incidencia superior no rural que no urbano”.

CONSULTA O INFORME SOBRE EDUCACIÓN NA PROVINCIA DE LUGO