Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación reclamará á Xunta un Plan Único con fondos directos aos concellos

Por 31 Outubro, 2023Sin comentarios

O Pleno aprobou cos votos a favor do PSdeG e do BNG unha moción socialista para pedirlle ao Goberno galego que poña en marcha un programa que incremente a achega de fondos directos que as facendas locais perciben da administración autonómica.

A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Único de financiamento para os concellos, elaborado con criterios obxectivos, e que incremente a achega de fondos directos que as facendas locais perciben da administración autonómica. Así se acordou no Pleno deste martes a proposta do Grupo Provincial Socialista, contando cos votos a favor do BNG e, en contra, do Partido Popular.

A voceira socialista do Goberno e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, defendeu esta iniciativa poñendo o foco en que a Xunta presentou recentemente os Orzamentos 2024, cos que “agocha as eivas da súa xestión e esgota os superlativos sobre o carácter excepcional ou de récord das contas, mentres na vida real os veciños e veciñas o único récord que bate a Xunta é o de gastar cada ano máis cartos para ofrecer peores servizos públicos”.

“Os Orzamentos previstos para o 2024 son tamén, unha vez máis, un exemplo do desinterese da Xunta pola situación dos concellos galegos e o seu evidente desprezo cara as súas necesidades”, manifestou a Deputada. Dixo que sobre un total de 13.257M€, a Xunta destina ao Fondo de Cooperación Local 152M€, o que supón o 1,1% do total, e apuntou que o resto que percibirán as facendas locais “dependerá dos criterios arbitrarios e partidistas en torno a figuras tan surrealistas como as subvencións non competitivas que se abren ás 12 da noite e quedan esgotadas 5 minutos despois”.

Incremento do Fondo de Cooperación Local

A Deputada sinalou que, mentres non se poña en marcha o citado Plan que se solicitou no Pleno, a Xunta debe incrementar o Fondo de Cooperación Local, polo menos, na mesma porcentaxe na que medrou o IPC durante os anos nos que o tivo conxelado.

García Porto ironizou con que o Goberno galego, “nun alarde de cinismo, logo de telo conxelado durante máis dunha década, presume agora de incrementar nun 6% a partida do Fondo de Cooperación Local, cando nese período o IPC subiu un 16%, co que o suposto incremento do que presumen apenas cubre a metade da perda de poder adquisitivo que veñen padecendo os concellos galegos”.

Reunión para a elaboración dos Orzamentos da Xunta

A moción tamén recolle unha petición ao Presidente da Xunta de Galicia para unha reunión cos presidentes das deputacións e da Fegamp para estudar, consensuar e falar de cara a contar cun proxecto de orzamentos autonómicos “xusto e igualitario con todos os concellos de Galicia”.

A voceira socialistas do Goberno puxo de manifesto que o PP “carece de credibilidade á hora de falar das facendas locais. A que PP temos que facerlle caso? Ao PP de Lugo que di que quere incrementar os fondos do Plan Único aínda que non explique como facelo? Ou ao PP da Xunta que rexeita poñer en marcha un mecanismo semellante que transfira fondos aos concellos con criterios obxectivos como poboación, extensión do termo municipal, densidade de poboación ou similares?”. Puxo varios exemplos, como o que fixo o PP cando gobernaba a Deputación de Lugo con Elena Candia, “batendo o récord de adxudicación de convenios a concellos amigos”; ou o que “vimos de coñecer na Deputación de Pontevedra, pois o novo equipo de goberno do PP vai recortar nun 21 % os fondos do Plan Único, para poder dispoñer de máis cartos para dar a dedo. A escola de Candia ou a vella escola de Louzán ou o estilo Baltar”, subliñou.