Skip to main content
ChantadaCultura RIBEIRASACRAXA

Fernando Vázquez, presidente da Asociación Cultural O Castañazo: “Queremos que perdure moito tempo”

Por 22 Outubro, 2023Outubro 23rd, 2023Sin comentarios

Falamos con Fernando Vázquez Asper, presidente da Asociación Cultural O’ Castañazo e unha das persoas encargadas da dirección do festival, a cal ten lugar a través de dita asociación.

Con que motivación xorde a Asociación Cultural O Castañazo?

A asociación xorde no 2007, momento no que un grupo de amigos e amigas de Chantada ten a intención de retomar o Castañazo Rock. Este fora un festival do cal se celebraran 4 edicións consecutivas, dende o 1993 ao 1996 e xiraba arredor do imaxinario do rock bravú, e deixouse de facer, entre outras razóns, por falta de apoio institucional.

Este ano celébrase o XXX aniversario do festival O Castañazo, de onde vén esta iniciativa?

Este ano fanse 30 desde que se orixinou a primeira edición do Castañazo, aínda que foi a través doutras persoas, en 1993. En total, tiveron lugar 17 edicións, as de 1993 a 1997 e as de 2007 ata 2019; e coa deste ano serán 18, 13 delas (as que van do 2007 ata o 2019) levadas a cabo pola Asociación Cultural O Castañazo.

Como mencionei antes, a intención de organizar este festival foi recuperar o antigo Castañazo Rock, que esmorecera en 1997. Ademais, máis alá disto, hai unha vontade de desenvolver un proxecto entre amigos que contribúa a situar a Chantada no mapa cultural de Galicia.

Como foi a primeira edición organizada pola Asociación?

Non podo darche grandes detalles desa edición (2007), xa que eu aínda non estaba na organización. Era moi novo (tiña uns 14/15 anos) e non entrei ata aproximadamente o ano 2010. Ata ese momento eu só asistira como público, e para min resultábame incrible que na miña vila houbese un evento cultural dese calado.

O que si podo dicir é que ese ano actuaran Motor Perkins, Ruxe Ruxe, Rastreros, Os tres Trebóns, Os Cuchufellos e Zënzar… ou sexa, un cartel formado integramente por grupos galegos, seguindo á estela do festival que tivera lugar nos 90. Nas progresivas edicións iríanse introducindo grupos de peso tanto do panorama estatal como internacional.

Como foi cambiando este festival co paso dos anos?

O festival, da man de Ibán Gómez, o antigo director, ao cal consideramos unha figura clave na historia do festival, foi orientándose claramente cara a profesionalizarse máis en todos os aspectos, sen perder a súa esencia de festival enxebre.

O cartel cada vez era máis rico e variado, incluíndo grupos de corte estatal e internacional, as melloras e produción e son foron evidentes, tamén se melloraron moito as prestacións en servizos para os festivaleiros e festivaleiras, nas zonas de acampada…

En xeral, o festival experimentou nas 13 edicións que se celebraron de  forma ininterrompida, ata 2019, un crecemento espectacular.

Como afectou a pandemia do covid ao desenvolvemento do festival?

Pois foi un mazazo duro, como o foi para o ámbito da cultura en xeral a todos os niveles. Ademais, determinadas figuras de peso na asociación, entre as que inclúo ao antigo director, xa viñan tamén arrastrando un certo esgotamento tras anos de entrega absoluta ao evento.

A mestura destes dous ingredientes provocou que o festival cesase a súa actividade dende o 2019. Afortunadamente, varias persoas que  xa levabamos moitos anos aí, coa ilusión intacta, sumados a rapaces e rapazas moi novas da vila que só coñecían o festival das últimas edicións, reorganizámonos para  recuperar o evento de cara a 2023. Polo tanto, podemos dicir que estamos ante a terceira oleada castañeira!

A edición deste ano, xa hai moito avanzado, pero poderían comentar o máis relevante?

En liñas xerais, o evento vai a seguir unha liña continuista, queremos seguir dándolle forma ao proxecto que por aquel entón lideraba Ibán. A maior parte dos cambios que queremos introducir son, tal vez, máis invisibles para o público, xa que se centran especialmente no plano organizativo.

Nós queremos que isto perdure durante moito  tempo, independentemente da xeración de mozos e mozas que o organice. Para isto, consideramos que é fundamental reforzar ao máximo posible a nosa posición coma asociación, para garantir que sexa accesible a calquera que estea interesado e que se fomente a participación colectiva dos membros da asemblea nas distintas tarefas que haxa que desenvolver ao longo do ano.

Cremos que esta é a maneira de que a organización se vaia renovando progresivamente e de que sempre haxa o maior número posible de persoas ilusionadas por propór e levar a cabo distintas iniciativas  culturais, evitando así ao máximo posible o risco de que este proxecto tan fermoso volva a deterse.

O cambio de primeiras máis visible para o público xeral tal vez vaia ser a supresión do termo “rock” do nome do festival, pasando a chamarnos simplemente Festival O Castañazo.

Gustaríame aclarar que isto non quere dicir que vaiamos renunciar a bandas deste xénero musical, de feito será un dos estilos predominantes no cartel, pero queremos mandar a mensaxe ao noso público de que buscamos ir en consonancia cos tempos e non limitarnos a ningún estilo concreto.

O noso público potencial de hoxe en día escoita xéneros musicais diversos, dende rock a rap ou incluso música latina bailable. Cada vez estase a consolidar máis unha escena musical con tendencia á mestizaxe, e coido que é o camiño que debemos seguir.

Canto público esperan?

Pois esperamos unha asistencia similar á de edicións anteriores, arredor das 4.000 persoas por día. Un bo indicador disto é a venda de entradas, que a estas alturas está a ser lixeiramente superior á da última edición, a de 2019, que ata o momento foi a que tivo maior asistencia. A maioría dos nosos asistentes provén de toda a xeografía galega, aínda que sempre hai unha parte destacable que se achega dende todo  o estado español, especialmente da zona norte.

Por que apostar por este tipo de eventos?

Dende o meu punto de vista, o asociacionismo non é incompatible coa profesionalización do sector. Que cada vez se destinen máis fondos públicos e privados a actividades culturais musicais sempre vai a ser algo positivo, de feito coido que é esencial para que un dos sectores dos máis castigados pola pandemia poda recuperarse e estar ao nivel que merece.

O sector cultural en Galicia está medrando moito, cada vez hai máis festivais máis potentes e máis profesionais, cun funcionamento poderíase dicir que empresarial, e  iso nunca vai a resultar algo negativo porque a cultura precisa tamén destes “xigantes” que a potencien. O que me gustaría apuntar é que, fronte á consolidación destes macroeventos, as institucións públicas non deben descoidar a festivais coma O Castañazo.

Somos eventos dun formato máis pequeno, que non funcionamos como empresas senón como asociacións, que non buscamos tanto a rendibilidade económica senón a difusión cultural directa á cidadanía de a pé, polo que somos sen dúbida algunha imprescindíbeis para manter na nosa terra un tecido cultural rico e diverso.

Por que en Chantada?

Porque simplemente é a nosa vila, á que tanto amamos. Todos os membros da organización, ou ben son do comarca, ou teñen algún tipo de vínculo especial coa vila. Como dixen antes, a nosa máxima aspiración non é outra que manter a Chantada no mapa cultural de Galicia, cremos que unha pequena vila coma a nosa tamén merece dispor de eventos culturais de calidade.

E coido que as institucións cada vez son máis conscientes disto, xa que tanto o Concello, como a Deputación, como os patrocinios privados fixeron un esforzo extra para que poidamos seguir ofrecendo un festival de gran calidade, a tódolos niveis.

Como foi a acollida dos veciños deste festival nas súas primeiras edicións e como é agora?

A verdade é que foi unha marabilla ver como, tras tanto tempo de parón, O Castañazo seguiu presente nos corazóns de tanta xente que foron coñecéndoo ao longo dos anos.

Para nós, sen dúbida, un dos factores claves para manter a ilusión que nos empurrou a recuperar o festival foi sentir tanto cariño da xente de a pé tan diversa durante todo este tempo: dende veciños e veciñas da vila que nos preguntaban a miúdo cando volveriamos, a persoas anónimas que nos íamos atopando por toda a xeografía galega.

Teñen máis proxectos de cara ao futuro?

Nós queremos que isto perdure durante moito tempo, independentemente da xeración de mozos e mozas que o organice. Para isto é esencial crear sinerxías e dinamizar a cultura local, a ser posible, durante todo o ano, non só concentrar tódolos folgos nos días do festival.

Aínda que este evento seguirá sendo a pedra angular do proxecto, a intención e que a organización se vaia abrindo pouco a pouco a realizar actividades diversas na vila ao longo do ano. Este ano demos o primeiro paso, co apoio ao Lamañazo Rock, un pequeno festival que foi integramente organizado por alumnos e alumnas do IES Lama das Quendas, o cal foi un auténtico éxito.

E o máis importante: axudou a que os máis pequenos comezasen a desenvolver interese por organizar eventos culturais na vila dende moi novos. Se conseguimos manter esta liña, temos “canteira castañeira” para rato!