Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAQuiroga

Asociación Boca do Monte, de Quiroga: “Queríamos poñer Os Anguieiros no mapa e servir de apoio aos veciños”

Por 29 Outubro, 2023Decembro 19th, 2023Sin comentarios

A recuperación das Festas da Magdalena, do xogo dos bolos e o desenvolvemento das Xornadas Castañeiras, que organizan o vindeiro 4 de novembro, son tres das propostas coas que a asociación Boca do Monte pretende manter o arraigo nos Anguieiros.

Lucía Blanco

Axudar á veciñanza e pór en valor Os Anguieiros son as pretensión da asociación Boca do Monte que, malia contar con pouco máis dunha década de vida, xa conseguiu recuperar dúas actividades con gran tradición na zona: as Festas da Magdalena e o xogo dos bolos. “Foron as nosas propostas impulsoras e representativas que conseguiron chegar á xente e que as recibiu de moi bo agrado”, explica Xosé Manuel Fernández, presidente da entidade que loita por manter viva a memoria da aldea da parroquia de Montefurado, en Quiroga.

Cando xurdiu a asociación?

Naceu no 2010. Xente orixinaria da aldea e familiares do núcleo rural que nos coñeciamos de vernos nas vacacións e nas fins de semana viamos que os núcleos rurais galegos van a menos e desaparecen do mapa primeiro e despois desaparecen fisicamente. Entón pensamos que podíamos facer para dinamizar dalgunha maneira e decidimos asociarnos.

Con que obxectivo botou a andar?

Queríamos poñer Os Anguieiros e a súa contorna no mapa dentro do Concello de Quiroga e máis alá. E despois tamén servir de apoio e de axuda comunitaria aos pouco veciños coa particularidade de que a maioría de socios, case o 80%, non viven aí todo o ano, porque son xente maior e ao mellor os netos si que son socios pero eles non.

Ademais, desenvolvedes unha función de intermediarios do Concello.

Levamos a cabo traballos comunitarios que axuden a que Os Anguieiros teña uns servizos, como poden ser traballos de limpeza ou xestións co Concello, porque este núcleo rural non ten pedáneo. Nós tamén nos encargamos dese traballo de intermediación co Concello para facerlle chegar as necesidades do pobo.

Con cantos socios contades agora mesmo?

O número vai baixando e subindo moi pouquiño, actualmente somos 38 socios.

E como foi a vosa evolución dende o voso nacemento ata agora?

Empezamos sendo uns 10 e fomos medrando, eu creo que polo feito de darnos a ver e de facer actividades con certa regularidade. A xente puido ver que o noso traballo era bo e mesmo medramos a nivel de simpatizantes, por dicilo dalgunha maneira. Temos socios e socias que non son dos Anguieiros, nin teñen nada que ver. Son amigos e amigas que viñeron a algunha actividade e acaban facéndose socios e mantendo a relación durante o ano.

Como chegou vostede á presidencia?

Eu vivín nos Anguieiros ata os 18 anos e despois emigrei a Barcelona cos meus pais. Entón deixabas a casa baleira e volvías dúas ou tres veces ao ano por esa morriña de regresar á túa a terra. Do cambio que supón pasar a túa infancia aí cando aínda había algo de xente a ver que iso pode desaparecer dun día para outro espertoume esa necesidade de facer algo.

Que tipo de actividades organizan?

Unha das máis importantes que serviu de impulsora da asociación foi a recuperación da festa grande. Nós celebramos o 22 de xullo a Festa da Magdalena e levabamos moitos anos sen facela, porque non hai relevo xeracional. Entón recuperámola e démoslle un enfoque máis cultural con actividades como presentacións de libros, camiñada, foliada e festa o sábado pola noite. Mantivemos a procesión e o aperitivo popular o día da misa.

A esa recuperación da festa uníronlle a recuperación doutra tradición como é o xogo dos bolos.

Era algo que quedara moi atrás na historia e que nos comentaban os veciños, porque eu mesmo que teño 50 anos non os vin xogar. Falamos coa xente, redactamos unhas regras e recuperamos o que era o campo dos bolos. E así comezamos a celebrar os campionatos coincidindo coa festa e algo que comezou de maneira simbólica foi para adiante. De feito, actualmente os domingos que celebramos o campionato igual se suman máis dunha vintena de persoas e na contorna provocou certa admiración.

Mantén a mesma pretensión a Xornada Castañeira que organizan cada ano?

Os Anguieiros, dentro do que é Montefurado e Quiroga, foi potencial no tema da castaña. A xente cóntanos que se collían moitos quilos nesta época e agora case non podes coller unha bolsa de castañas para un magosto porque están a morrer moitos castiñeiros. Entón co obxectivo de manter o arraigo, de que a xente non deixe de vir aos Anguieiros e que este núcleo permaneza cantos máis anos mellor, naceron esas Xornadas Castiñeiras no ano 2016. Este ano é a sétimo edición, porque paramos un ano pola pandemia

Esta cita vai máis aló dun magosto tradicional.

A idea era facer algo máis ca un magosto, que nos parecía interesante polo feito de xuntar a xente dos Anguieiros e da contorna. Os primeiros anos faciamos unha xornada divulgativa arredor do mundo da castaña e despois organizábamos unha visita por algunha das caniceiras que se conservan, por esas partes da casa onde se aproveitaba para poñer as castañas, facerlles lume por abaixo e sécalas. Pola tarde temos actividades para os nenos de reparación de cabazas de samaín que empregamos para o magosto con foliada. Todos aportan un pouco de comida porque non cobramos.

Combinan ademais esa xornada divulgativa con sendeirismo.

Nestes últimos anos, se non facemos xornada divulgativa, facemos unha camiñada por antigos soutos, que comuniquen aldeas da contorna volvendo a ese fin de unir e de intentar involucrar á xente. E valórano moito. Estamos satisfeitos porque non o facemos só para nós, senón que o facemos para que a xente veña a vernos. É un motivo para atoparnos.