Skip to main content
Chantada

Suspéndense as rutas en catamarán polo río Miño ata fin de tempada

Por 25 Outubro, 2023Outubro 26th, 2023Sin comentarios

As tarefas de mantemento de Naturgy no encoro dos Peares obrigan a suspender desde este mércores as rutas en catamarán polo río Miño. Así llo comunicou a empresa, que é titular dunha concesión para o aproveitamento de auga no río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica, á Deputación.

A compañía ten previsto realizar nos próximos días un descenso do nivel do encoro dos Peares para realizar o mantemento das comportas da presa. Esta acción imposibilita a navegación con seguridade das rutas fluviais da Deputación polo Miño, que parten de Belesar (O Saviñao), polo que a institución provincial vese na obriga de suspender este servizo ata fin de temporada.

A institución provincial porase en contacto coas persoas que xa fixeran a súa reserva para gozar desta ruta polo Miño, informándoas da situación e facilitándolles a opción da devolución do importe do billete ou a posibilidade de realizar a ruta polo Sil, dende Monforte de Lemos, que se manterá operativa ata finais de ano.

A ruta polo Sil funcionará ata decembro

No caso da ruta polo Sil, esta semana mantéñense as viaxes de mércores a domingo. Despois organizaranse rutas o día de Todos os Santos, o 1 de novembro, con dúas viaxes pola mañá e dúas pola tarde.

O resto do mes de novembro só haberá percorridos durante as fins de semana e, en decembro, desenvolveranse dende o 2 ao 10 de decembro todos os días, con motivo da Ponte da Constitución. Para información e reservas, as persoas interesadas poden dirixirse á web ou chamar ao 982 260 196 en horario de 9.00 a 20.00 horas de luns a domingo.