Skip to main content
Folgoso do Courel

A Furgoteca achega a lectura ao Concello de Folgoso do Courel

A furgoteca, o servizo móbil de bibliotecas de Galicia, realiza a súa seguinte parada no Concello do Folgoso do Courel. Deste xeito e a través dos seus 500 exemplares de libros, o servizo continúa achegando a lectura ao rural do Ourense e Lugo que non contan cun servizo de bibliotecas permanente.

Na súa primera ruta, o vindeiro luns 2 de outubro, a furgoteca realizará paradas en Santa Eufemia, de 11.00 a 11.20 horas; en Ferreirós de Arriba, de 11.45 a 12.10 horas; na praza do concello de Folgoso do Courel, de 12.30 a 13.00 horas; en Vilamor, de 14.10 a 14.30 horas; en Froxán, de 14.45 a 15.00 horas e en A Campa, de 15.20 a 15.40 horas.

Na segunda xornada do servizo, o luns 23 de outubro, o itinerario cambia. A furgoteca poderá visitarse en Seoane do Courel, de 11.00 a 11.30 horas; en Visuña, de 11.50 a 12.10; en Parada, de 13.30 a 13.45 horas; en Meiraos, de 14.00 a 14.20 horas; en Miraz, de 14.30 a 15.00 horas e en Paderne, de 15.10 a 15.30 horas.

O SERVIZO

A furgoteca trátase dun recurso que funciona como centro de difusión da cultura, facilita o acceso aos recursos culturais e formativos, ofrece servizos para o apoio á aprendizaxe e procura o desenvolvemento da creatividade das persoas usuarias a través de diferentes accións de dinamización lectora e cultural.

Entre os servizos que concentra a iniciativa atópanse o asesoramento e recomendacións de lectura; a xestión de carnés de usuario; a formación, o acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital e a organización de actividades culturais como obradoiros, contacontos ou certames. Para poder gozar deste recurso sociocultural só é preciso ser titular dun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia.