Skip to main content
Folgoso do Courel

Caurel Vivo vai presentar no pleno do Concello unha moción para esixir medidas contra a vespa velutina

Por 15 Outubro, 2023Outubro 16th, 2023Sin comentarios

O grupo municipal Caurel Vivo de Folgoso do Courel anuncia que vai presentar no vindeiro pleno ordinario do Concello unha moción para esixir medidas na loita contra a vespa velutina para a súa discusión e aprobación polo Pleno da Corporación Municipal.

Así, afirman que presentarán esta proposta porque os veciños do concello, e sobre todo os apicultores, “estanse vendo prexudicados polo gran avance desta especie foránea e invasora e, desde que entrou este animal en Galicia hai máis de 10 anos, a Xunta de Galicia nunca asumiu as competencias na loita contra as especies exóticas invasoras”.

Ademais, denuncian que tampouco elaborou un Plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da vespa velutina nigrithoax, nin executou o establecido na estratexia do Ministerio, só puxeron en marcha un servizo de retirada que, a Xunta ten contratado á empresa Seaga, “un servizo moi mellorable, xa que en moitos casos derívase a bombeiros ou persoais locais, cando Seaga están cobrando por facelo eles”, critican desde Caurel Vivo.

Por outra parte, din que “cada vez se destinan menos recursos e hai máis retraso na retirada de niños e teñen que esperar semanas ou meses desde que se lles avisa e tampouco hai un protocolo establecido para o trampeo de captura de raíñas nin se incide nos niños primarios da primavera, que é o trampeo máis efectivo”.

Así, sentencian que, con todo isto, “o tártago asiático está a ter unha expansión exponencial por todo o noso territorio, con consecuencias importantes para os apicultores que ven como ano tras ano se ve reducida a súa colleita de mel, causándolles a morte a colmeas enteiras”.

Esixencias de Caurel Vivo para mellorar esta situación

Despois de todo o exposto, desde Caurel Vivo piden que se elabore un plan galego para a detección control e/ou erradicación da Vespa velutina nigrithorax e que se fomente a investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da vespa velutina nigrithorax en Galicia, así como das ferramentas de trampeo, tipos de trampas e atraentes máis efectivas e menos prexudiciais para outras especies.

Tamén cren que é necesario “que se priorice o trampeo e a actuación anticipada sobre os niños primarios, como maneira efectiva de acabar con elas, dotando de recursos suficientes para a retirada de niños secundarios, e que se habiliten axudas específicas para a prevención dos ataques nos apiarios, para minimizar as perdas de produción polo ataque do tártago.

Por último, queren que se prevea a posibilidade de habilitar axudas polas perdas ocasionadas por esta especie, no caso de ser necesarias e que se consideren as baixas ocasionadas pola vespa velutina nigrithorax como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas “Axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria”, como nas “Axudas Agroambientais da PAC”.