Skip to main content
Folgoso do Courel

Interior Galego Vivo demanda á Xunta de Galicia que tome medidas para promover o sector da castaña

A agrupación e grupo político Interior Galego Vivo demanda á Xunta de Galicia unha serie de necesidades para promover a produción da castaña e axudar ás persoas que fan este labor, xa que os concellos de Vilardevós, Manzaneda ou Folgoso do Courel e as súas comarcas son dos principais produtores de castaña da Galicia.

Así, explican que os produtores esperaban este ano unha boa produción da castaña, pero que nestes últimos días a seca e a caída prematura da folla e dos ourizos “estragaron as boas perspectivas”.

Por isto, piden á administración Autonómica axudas económicas para os produtores que demostren perda de ingresos neste sector nos últimos dous anos e axudas e liñas de actuación para a recuperación de soutos tradicionais, tendo en conta a supresión para a concesión da axuda do requisito dun mínimo de hectárea de coto redondo e a eliminación, como elemento de baremación de méritos, ser comunidade de montes veciñais en man común (CMVMC).

Máis demandas

Por outra parte, piden a conceptualización de ‘souto tradicional’ para diferencialo de soutos de nova e recente plantación, xa que só en Vilardevós, máis do 75% son soutos tradicionais en mans de propietarios particulares.

Desde Interior Galego Vivo sosteñen que nos últimos anos, debido a varios factores o abandono dos soutos é cada vez maior: abandono rural, envellecemento da poboación, baixos prezos e diversas pragas e enfermedades.

Así, tamén piden á Xunta liñas de finanzamento adaptadas os ciclos económicos do rural, para a mecanización de tarefas nos soutos, a criazón de novos soutos con variedades máis resistentes ao chancro, a tinta e a avispiña e para procesos de transformación.

Por outra banda, cren que é necesario promover este recurso a través dunha campaña de promoción do produto orientada á desestacionalización e incremento do seu consumo e a pór en valor a IXP. E, por último, esixen tamén garantir con controis máis estritos que as carnes co selo “de castaña” teñan unha alimentación maioritaria composta por fariña de castaña ou castaña.

“De nós depende non estragar non só un recurso ambiental, paisaxístico e cultural incalculábel, senón tamén un recurso económico que axudaría a combater a despoboación do rural e loitar contra do seu envellecemento. Por iso precisamos que as distintas administracións tomen conciencia deste problema e adopten urxentemente medidas para protexer o estamento máis importante deste sector en Galicia, os e as pequenas produtoras”, conclúen.