Skip to main content
Monforte

Os deportistas de Monforte xa poden pedir as axudas para desenvolver a súa actividade

Por 23 Outubro, 2023Outubro 24th, 2023Sin comentarios

Logo da publicación no Boletín Oficial da Provincia da convocatoria de bolsas a deportistas do Concello de Monforte que practiquen algún tipo de modalidade deportiva individual durante a tempada 2022-2023, os interesados xa poden presentar as súas solicitudes, tendo de prazo ata o martes 7 de novembro de 2023.

Así, o goberno local destina 10.000 euros en axudas a deportistas individuais, un 43% máis que no ano 2022 e o alcalde destaca a importancia destas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, motivo polo cal decidimos incrementar o importe das axudas este ano”.

Destes 10.000 euros, a cantidade máxima de cada unha das bolsas se establece en 600 euros por deportista e as persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.

Ademais, tamén é requisito necesario para optar a estas axudas ter participado como mínimo nun campionato de España, campionato de Europa ou campionato do Mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria.

Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de forma individual e non se considerarán participacións individuais as substitucións nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.

Á hora de realizar a valoración teranse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.