Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte investirá máis de 140.000 euros en dúas obras de mellora en rúas do municipio

Por 28 Outubro, 2023Outubro 29th, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte vén de anunciar a licitación de dous novos proxectos de mellora en vías urbanas da cidade, que se suman á liña de traballo dos últimos anos, que ten por obxectivo mellorar as infraestruturas urbanas e rurais existentes.

Estes proxectos de mellora terán lugar nas rúas Castro Dactonio e Ramón Cabanillas, logo de que fora aprobada a súa tramitación para ser licitados na Xunta de Goberno celebrada o 16 de outubro.

No caso de Castro Dactonio, ademais de en dita vía, tamén se levará a cabo a mellora de tres travesías que conectan con ela. Así, mellorarase o firme da rúa Castro Dactonio e tres travesías, englobando catro tramos de catro vías municipais.

A lonxitude sobre a que se vai actuar nestas 4 vías, localizadas no barrio do Casar, é de 1.325 metros lineais, e consistirán no barrido do firme por medios mecánicos con cepillo de arame e o asfaltado do firme con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor, incluíndo regularización e bacheo previo nos puntos en que é necesario. Finalmente, pintaranse as correspondentes marcas viais continuas e discontinuas de 12 cm, con pintura reflexiva e microesferas de vidro.

O orzamento destinado polo executivo de José Tomé para esta actuación é de 71.210,83 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas dende hoxe e ata o 23 de novembro ás 14.00 horas. As mesas de contratación terán lugar o 27 de novembro ás 10.30 horas e o 11 de decembro ás 10.30 horas (oferta económica). Os criterios de valoración das ofertas serán memoria o 40%, o prezo o 40% e a ampliación do prazo de garantía, o 20%.

Actuacións de mellora en Ramón Cabanillas

Con respecto á obra de mellora da rúa Ramón Cabanillas, que transcorre perpendicular á rúa Morín, esta vaise facer sobre 690 metros lineais de dita rúa e consistirá nunha actuación completa de renovación de dito firme. En base ao proxecto de mellora, procederase ao fresado de parte da superficie da vía, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor.

Por último, procederase ao pintado de marcas viarias, de símbolos e cebreados, con pintura reflexiva e microesferas de vidro, polo que o investimento para a mellora da rúa Ramón Cabanillas será de 70.187,54 euros.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas no mesmo espazo temporal que no caso das obras na rúa Castro Dactonio e as mesas de contratación terán lugar o 27 de novembro ás 10.45 horas e o 11 de decembro ás 10.45 horas (oferta económica). Os criterios de valoración das ofertas serán memoria o 40%, o prezo o 40% e a ampliación do prazo de garantía, o 20%.

José Tomé Roca, destaca que “continuamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, que iniciamos en agosto coa posta en marcha de 13 actuacións en vías urbanas e rurais cun investimento de 300.000 euros. Así dou cumprimento ao compromiso que eu como alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.

“Deste xeito” engadiu o rexedor, “o equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 8 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.