Skip to main content
A Pobra do Brollón

Os socialistas da Pobra do Brollón valoran a axuda da Deputación para a construción da residencia de maiores

Por 1 Outubro, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista da Pobra do Brollón valorou moi positivamente o anuncio que fixo a voceira socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, sobre a adxudicación das obras de construción do Centro de Atención a Maiores para o municipio por un importe de 2,3 millóns de euros.

O voceiro municipal do PSdeG na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio, sinalou que as boas relacións co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foron “vitais” para conseguir dar este paso. Lembrou que a institución provincial modificou o convenio co Concello para incrementar a partida económica ata os 2,3 millóns de euros, asumindo os máis de 700.000 euros da suba dos prezos de mercado polo contexto económico derivado da guerra de Ucraína.

Explica o socialista que xa en marzo o Pleno provincial deu luz verde á modificación da contía e que, dende entón, “traballouse para darlle para diante a toda a maquinaria administrativa que é necesaria antes de comezar as obras na Avenida de Outeiro”.

Rubio relata que “levabamos meses en conversas co Goberno da Deputación para avanzar neste proxecto tan necesario para os veciños e as veciñas deste concello” e asegura que “hai moitos meses que o Presidente da Deputación veu á Pobra a darnos a súa palabra de que o proxecto ía saír adiante a pesar dos atrancos, e cumpriu a súa palabra”.

Rubio recorda que as dúas empresas anteriores encargadas da construción da residencia non cumpriron co contrato asinado e que desde a Deputación víronse na obriga de volver a licitar as obras, que se adxudicaron.

O proxecto

O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón contará con 36 prazas e desde que comecen os traballos as obras terán un prazo de execución de 12 meses. “Desde o grupo municipal imos seguir de preto este proxecto para que sexa unha realidade o antes posible”, asegura Rubio.

A residencia da Pobra do Brollón construirase nunha parcela situada a carón do centro de día do municipio. Será un edificio disposto en dous bloques compactos en forma de L en planta baixa, cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 metros cadrados.

Contará con catro áreas diferenciadas: a área residencial, a área de dirección e administración, a área de servizos xerais e a de atención especializada. Na área residencial atoparanse os dormitorios, as zonas de convivencia e espazos diáfanos. Na área de dirección e administración, que se atopará no recibidor de entrada, será onde estean os despachos e onde se reciban ás persoas de fóra do centro. Na área de servizos estará a cociña, o comedor, os corredores e o soportal exterior; e no semisoto ubicarase a lavandería e os locais de mantemento e seguridade. A cuarta área será a de atención especializada, onde se integrará o despacho médico, a sala de curas, dúas habitacións de enfermaría, e un baño asistido. Por último, a área de rehabilitación situarase nun local independente próximo a zona de recepción.