Skip to main content
Sober

O cine, a música e o teatro protagonizan as actividades culturais do Concello de Sober

Por 8 Outubro, 2023Sin comentarios

O Concello de Sober vén de anunciar máis actividades culturais para os meses de outubro e novembro. O cine, o teatro e a música son as propostas que ocupan o cartel da nova edición do programa, que concentra opcións para todos os tipos de público e idades.

O vindeiro 22 de outubro terá lugar o VideaFest 2023 da man de Elías González e Modesto Trigo. Pola súa parte, os amantes da literatura teñen unha cita o día 24 ás 18.00 horas coa presentación do libro He visto cosas de Santiago B. Suárez. A iniciativa está organizada polo Club de Lectura Pintor de Castinande.

O sábado 28 será a quenda da arte escénica no Outono Cultural. A compañía Pinconús achegará ao Concello as súas representacións a partir das 19.00 horas. Esta actividade forma parte do programa do Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo.

O Magosto Popular tampouco pode faltar na programación de novembro. Será o día 10 ás 18.30 na praza do Concello. Por outra banda, o día 11 o músico Jaime Naya ofrecerá un concerto co seu violín. A actuación, que comeza ás 19.30 horas, está organizada polas Xuventudes Musicais de Sober.

Nas propostas deste mes tamén se poden atopar actividades teatrais. O sábado 18 os veciños do Sober poderán gozar do traballo de Hipócrita Teatro a partir da 19.00 horas, unha iniciativa que se inclúe no Circuito de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo.

Para pechar novembro, o sábado 25 terá un lugar un concerto por parte da Escola Municipal de Música de Sober co obxectivo de celebrar a Santa Icía.