Skip to main content
Sober

Alfonso Rueda recolleu as necesidades da Ribeira Sacra nun encontro en Sober

O autobús de ‘Galicia non para!’ chegou ao municipio de Sober, onde Alfonso Rueda afondou no sentir dos galegos e das galegas, trasladándolles a “normalidade extraordinaria” da Comunidade, como leva feito durante a súa ruta pola xeografía galega.

No marco desta iniciativa, que ten por obxectivo manter un contacto directo, a pé de rúa e sen intermediarios coa cidadanía; o presidente do PPdeG puido compartir impresións e recoller as necesidades da Ribeira Sacra da man dos numerosos veciños e curiosos que se achegaron ata o autobús.

Entre as moitas suxestións que lle fixeron, comentáronlle o seu “enfado” polo feito de que o Goberno central “deixe abandonadas todas as comunicacións do sur de Lugo, como o tren entre Monforte e Ourense, que pouco mellorará coas actuacións que se están a executar”.

De feito, unha das preocupacións, explican desde o PP, “segue a ser a mellora integral da estrada N-120, co fin de reducir os riscos de seguridade viaria e a súa falta de funcionalidade, así como a reactivación das obras de construción e posta en servizo da autovía A-76, entre Ponferrada e Ourense por Monforte”.

Pola súa banda, o presidente Rueda sinalou que o seu desexo é que se fale de economía, emprego, familia, agro ou educación.