Skip to main content
Taboada

A ACIMTA celebrou o seu XXV aniversario nun evento multitudinario

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada celebrou a súa asamblea xeral ordinaria do 2023 e o XXV aniversario do nacemento de ACIMTA, eventos nos cales se deu conta da actividade da asociación no último ano e se presentou ao novo presidente, Miguel Pavón Reinoso, quen sustitúe a Tamara Castro despois de tres anos no cargo.

“Queremos agradecer enormemente a Tamara Castro o seu intenso e eficiente labor durante os últimos 3 anos como presidenta de ACIMTA, tempo no que se lograron importantes avances no tecido empresarial de Taboada, como a decidida aposta pola apertura do polígono empresarial para a consolidación e creación de empresas na nosa vila”, sostiveron.

Defenderon que “baixo a súa presidencia tamén logramos dar visibilidade á nosa vila dentro da Ribeira Sacra, creando o Mercado Navideño “Petiscos de Nadal” ou o I Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, RaizameS. De seguro que a presidencia de Miguel Pavón traerá novas iniciativas e manterá a boa dinámica de traballo dos últimos anos, defendendo os intereses colectivos e fomentando a participación de todo o mundo”.

Así, a Asociación quedou conformada polo presidente, Miguel Pavón; o secretario, Alejandro García Pérez; a tesoureira, María Nuria Fente Guerreiro; e os vogais, que son Tamara Castro López, Nélida Berta Sobrado García, Nicolás Fuentes Taboada, José Antonio Ferreiro Rodríguez, Asensio Sobrado Blanco, Sonia Argiz Río e Manuel Arias Rodríguez.

Participantes do XXV aniversario

Tras a asamblea xeral, a ACIMTA conmemorou o seu XXV aniversario nunha cea na que participaron os socios, pero tamén diferentes entidades e organismos “que durante todos estes anos apostaron pola nosa asociación, apoiando as distintas iniciativas que levamos a cabo”, explican desde a asociación.

Como representantes das diferentes entidades estiveron o xefe territorial de Presidencia, Gerardo Criado; a deputada provincial do PSdeG-PSOE, Pilar García Porto;Iria Castro, representando á Deputación de Lugo; o alcalde de Taboada, Roi Rigueira; e a concelleira da área de igualdade, benestar e sanidade, Patricia Conde.

Tamén quixeron agradecer a todos os organismos, entidades e empresas que os apoiaron, como a Federación Gallega de Comercio, a Ribeira Sacra Consorcio de Turismo, o GDR Asociación Miño Ulla, a Confederación de Empresarios de Lugo CEL, a Fundación Condado de Taboada, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, a Asociación Cultural O Carballo, a Caixa rural e á empresa A túa Xanela.

Ademais, quixeron remarcar que “foi un orgullo contar nesta cea do XXV aniversario coa persoa que fundou a nosa asociación, José Manuel Dono, e o presidente de ACIMTA durante os primeiros 8 anos, José Antonio Otero Pérez, que apostaron por esta asociación tan necesaria para Taboada e queremos dar grazas a todas as directivas que formaron ACIMTA dende os comezos e dedicaron parte do seu tempo a traballar pola asociación e á súa vez pola nosa vila”.