Skip to main content
Sarria

Mulleres de Raíz critica que o Concello de Sarria é “irresponsable con respecto ás violencias machistas”

Por 14 Outubro, 2023Outubro 16th, 2023Sin comentarios

A Asociación Mulleres de Raíz convocou unha concentración na praza da Vila de Sarria para condenar publicamente a agresión sexual en grupo que se produciu a fin de semana pasada na vila e que tamén foi condenada polos membros da corporación municipal esta semana.

Decenas de persoas achegáronse á concentración para mostrar o seu rexeitamente cara a este suceso e mostrar o seu apoio á vítima, preguntándose, como lema da concentración, “Que cona pasa en Sarria”.

Así, desde a organización da concentración lembran que xa en 2021 se puxeron en contacto “coa concelleira da Área de Muller da Xunta de Galicia, con todos os grupos políticos no Parlamento Galego, coa responsable da Subdelegación do Goberno Español en Lugo e co Concello de Sarria de cara elevar a todos e todas a situación de violencia machista que a vila estaba a vivir, e coa que se sigue convivindo, co fin de achegar as demandas de cara á súa sandazón e en prol da súa futura erradicación”.

Despois de presentar os escritos nos que figuraban todos os casos de violencia machista e abusos sexuais que estaban a suceder na vila desde 2020 ata 2021, “non só non lles pasou nada aos agresores, senón que ademais 28 veciñas nosas que tiveron que abandonar as súas casas, nas que se quedaron os terroristas machistas, e tamén tiveron que abandonar a súa vila en busca de refuxio porque quen goberna o concello nada fixo por conseguir aquí medios para ofrecerlles casa de acollida”, denuncian.

Críticas ao Concello de Sarria

As Mulleres de Raíz sosteñen que o Concello, ou a Corporación Municipal, “prefire gastar nas orquestras das festas; unha corporación municipal e unha responsable de área irresponsables e que miran cara a outro lado sen actuar, cando o CIM da localidade, que é o punto de asistencia para as mulleres maltratadas ou en risco de exclusión social, leva máis dun ano traballando só cunha persoa, a psicóloga, e sen avogada”, explican.

Ademais, din que este goberno local “re-vitimiza e banaliza coa violencia machista, como puxo en evidencia no comunicado emitido o mesmo día 11 e no que, tamén presuntamente, rexeitaba os acontecementos que hoxe nos reúnen aquí”, defenden.

Así, desde o grupo de mulleres demandan a todas as entidades responsables que fomenten unha mellora da vida das mulleres e, en concreto, piden á Xunta de Galiza a creación do servizo Oficina de Asistencia á Vítimas de Delitos Violentos e en contra á Liberdade Sexual en Sarria, “garantindo financiamento, persoal e formación para desenvolver a atención integral, especializada e multi-disciplinar, ás vítimas de violencia de xénero”.

Tamén piden ampliar e reformular os CIMM, Centros de Información Municipais ás Mulleres, “implementando as competencias propias e incluíndo a atención ás vítimas de agresións sexuais, garantindo o financiamento, persoal e formación suficiente, así como a ampliación do servizo nos concellos, vital en Sarria”.

Por último, esixen ao Concello e á responsable da Área da Muller que “se deixen de re- vitimizar ás vítimas e que non sexan cómplices da violencia machista,  implementando as medidas de concienciación da problemática de violencia de xénero na Vila”.