Skip to main content
Sarria

O BNG pide no Parlamento galego que se tomen medidas para protexer ás mulleres en Sarria

Por 17 Outubro, 2023Outubro 18th, 2023Sin comentarios

O BNG presentou unha serie de iniciativas no Parlamento galego para que se tomen medidas ante o incremento das agresións na localidade de Sarria. “O CIM de Sarria non conta co persoal para atender estas agresións” sinalou a deputada nacionalista, Carme Aira.

Aira recordou nunha pregunta parlamentaria que nin o goberno da Xunta nin o Concello de Sarria están a poñerse de acordo para cubrir un servizo básico, deixando a máis de 10.000 mulleres sen posibilidade de acudir a busca de asesoramento e axuda, o cal atenta contra o principio de igualdade de oportunidades; “máxime cando nos últimos 2 anos se produciron 4 agresións sexuais coñecidas, sendo a última delas grupal”, incidiu.

Ademais, lembrou que, actualmente, das 48 ordes de afastamento que hai no sur da provincia de Lugo, 30 están en Sarria, tendo pendentes de rematar os trámites outras 5. Podemos asegurar que sendo un servizo imprescindible, no rural pode selo moito máis”, afirmou Carme Aira.

“As circunstancias de necesidade e maltrato son moito máis opacas que nos ámbitos urbanos, xa que esta sociedade está moi masculinizada, máis illada e nela permanecen máis arraigadas aínda condutas de índole machista, mentres, as redes de sororidade entre as mulleres son máis escasas, e tamén se incrementan as dificultades para escapar ao control machista polo que unha relativa proximidade dos recursos ten un valor en si mesmo”, sostivo.

Por úlltimo, sentenciou que “non é o momento de que a Xunta mire para outro lado e traslade a responsabilidade aos concellos, debe buscar un alternativa inmediata para dotar ao CIM de Sarria da súa maior capacidade e para isto deberá dotalo de persoal sen esperar a que se resolva o asunto xudicial, “porque é vital para as mulleres que sofren calquera tipo de violencia”, concluíu Aira.