Skip to main content
Sarria

O goberno local de Sarria vai presentar unha moción instando á Xunta a que se retomen as visitas na Fortaleza

O goberno local de Sarria vén de solicitar a recuperación do acceso para que os cidadáns poidan visitar a Fortaleza de Sarria, tamén coñecida como Torre dos  Batallón.

Así, sosteñen que é un Ben de Interese Cultural, denominado así en 1994, e que se atopa na ruta principal do Camiño Francés que pasa por Sarria, polo que lle pedirán á Consellería de Cultura da Xunta, a través dunha moción que presentarán no vindeiro pleno, “a recuperación deste servizo obrigatorio”.

Desde Camiña Sarria denuncian que “non se están levando a cabo as visitas, a pesar de ser un atractivo demandado pola veciñanza e polos peregrinos que pasan pola Oficina de Turismo de Sarria”.

Ademais, explican que os propietarios do monumento teñen a obriga de permitir visitas públicas un mínimo de catro días ao mes e, nestas, facelas durante catro horas ao día, polo que reclaman á Xunta o cumprimento desta medida.

Ademais, tamén presentarán na moción unha solicitude para pedir que se reconstrúa e rehabilite o peche da Finca do Batallón, que precisa da autorización da Dirección de Patrimonio Cultural.