Skip to main content
Sarria

O alcalde de Sarria afirma que os orzamentos da Xunta “son indignantes” para a poboación de Sarria

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, criticou os orzamentos autonómicos para o exercicio de 2024 polo “sectarismo político da Xunta de Galicia, porque un ano máis volve marxinar a Sarria e a toda a veciñanza”.

Así, explicou que a consignación de 500.000 euros en 2024 para a conversión do corredor Nadela-Sarria en autovía é a única partida específica referente a Sarria que recollen os orzamentos da Xunta e para o alcalde “supón adiar aínda máis a execución e o remate desta infraestrutura”, posto que as partidas máis contiosas pospóñense para os seguintes anos: 5 millóns de euros en 2025, 15 millóns de euros en 2026 e outros 15 millóns para 2027 e seguintes anos.

“Estes orzamentos autonómicos son indignantes e unha nova falta de respecto á veciñanza de Sarria porque non destinan un só euro para atender as súas necesidades”, afirma o alcalde, que bota en falta partidas específicas para a mellora da rede de abastecemento de auga e medidas de prevención da seca, para a mellora da mobilidade e o acondicionamento de viais “a pesar de que moitas rúas da vila de Sarria son de titularidade autonómica” ou para novas infraestruturas culturais e asistenciais.

Así, denunciou que en Sarria, “nas tres últimas lexislaturas, a Xunta de Galicia nin estivo, nin está, nin se lle espera”, subliñou o alcalde, que engadiu que a residencia de maiores non recibiu “ningunha axuda da Xunta de Galicia desde o ano 2008”, ao igual que o matadoiro, “a pesar de ser o único de toda Galicia que presta un servizo de ámbito comarcal”.

Por todo isto, concluíu que “o desfile de conselleiros por Sarria durante a campaña das eleccións municipais foi tan vergoñento como inútil e estes orzamentos demostran que o único que fixeron foi enganar á cidadanía”, enfatizou o alcalde.