Skip to main content
Sarria

O Buril organiza varios concertos para o final do mes de outubro

Este fin de semana e os últimos días do mes de outubro veñen cargados de actuacións musicais no Buril de Sarria, que acollen variedade de grupos de rock de diferentes nacionalidades.

Así, este venres 27 o grupo Phrenetix vén a Sarria dende Lituania, “unha das mellores e máis prometedoras bandas de Trash Metal Europeo”, segundo un artigo da revista heavy-rock deste mes. E, ese mesmo día, tamén actuarán Crowded, dende A Coruña.

Xa o domingo 29 o Buril acollerá o concerto de Stone From the Sky + Could seed, que veñen desde Francia, dúas das bandas máis míticas do post rock. “Son tan bos, que os lugueses, Kalte sonne, uníronse á festa a última hora pola tremenda ilusión que lles fai compartir escenario con eles”, explican desde o Buril.

Pola súa parte, o luns 30 estará na sala de festas Red Eye, uns gaditanos “que xa son como da casa”, sosteñen desde a Asociación, que explican que estes profesionais só cobrarán o que ao rematar o concerto cada escoitante decida.

Por último, para rematar o mes, Endless Dive actuará o martes 31 cun proxecto instrumental asentado na zona de Tournai/Bélxica composto por catro músicos. “A banda ofrece un post-rock enérxico con múltiples influencias, mesturando versos melancólicos e riffs punk”, defenden desde o Buril.