Skip to main content
Axenda CaducadaSarria

As finais da Copa Deputación de Fútbol Sala disputaranse en Sarria

Por 31 Outubro, 2023Novembro 1st, 2023Sin comentarios

O vindeiro 1 de novembro Sarria acollerá as finais da Copa Deputación de Fútbol Sala, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O pavillón José Mario González será o espazo onde se disputaran os partidos.

Este luns o vicepresidente e deputado de Deportes Efrén Castro presentou o horario dos encontros acompañado por representantes dos equipos finalistas, do club Os Meigallos FS, do Concello de Sarria e da Federación Galega de Fútbol no pavillón.

Os partidos comezan co encontro da 2ª División Masculina entre o Outeiro de Rei SD B e o CD Cubelas FS ás 16.00 horas. A partir das 18.15 horas será a quenda da 1ª División Feminina co enfrontamento do Burela FS B e o Ribeira Lieders FS. O último partido será o da 1ª División Masculina entre o Ribeira FS e o Outeiro de Rei SD que se celebrará ás 20.30 horas.

Participación de 39 equipos

Efrén Castro felicitou aos equipos finalistas por superar as eliminatorias previas e convidou a achegarse ao Concello para “ver en directo as finais que poñen o broche a unha competición na que participaron 39 equipos e que ofrece un escaparate e unha fonte de financiamento para os clubs de deporte base e afeccionado”.

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo financia a Copa Deputación, cunha achega de 20.000 euros que se distribúe entre os  39 equipos participantes, con premios en función dos partidos disputados e das eliminatorias superadas (entre 190 e 345 euros).

Por outra banda, os equipos finalistas reciben premios adicionais de 745 e 510  euros para os campións e 260 e 390 euros para os subcampións de cada categoría.