Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXA

Castro de Rei: Ruta polo Castro de Viladonga

Por 22 Outubro, 2023Outubro 23rd, 2023Sin comentarios

O Castro de Viladonga é un conxunto arqueolóxico e museístico situado no concello de Castro de Rei no que os traballos que deron comezo en 1972 confirmaron un asentamento continuado cunha maior ocupación en entre os séculos II e V. O castro está situado no cumio dun monte dende onde se poden apreciar as serras de Monciro, Pradairo e a de Meira así como unha visión panorámica da Terra Chá. 

Para coñecer de xeito máis profundo este conxunto arqueolóxico poderemos realizar unha pequena ruta a través do castro na que descubriremos por completo esta construción de orixe castrexo. 

Para dar comezo podemos deixar o coche no aparcamento das instalacións do Castro de Viladonga e dirixirnos ao camiño de acceso ao centro do castro situado no seu lado este. O primeiro que podemos observar é a construción de catro murallas e tres fosos, as murallas foron feitas con pedra e terra e os fosos contan cunha gran profundidade. Un sistema estruturado de forma defensiva na zona este que ten unha menor pendente natural do terreo. 

Se continuamos camiñando chegaremos ao punto que dá acceso ao interior da croa a través dun corredor monumental flanqueado por altos paramentos de pedra. Unha vez dentro, xirando á dereita poderemos subir a unha parte da muralla e percorrer un camiño que nos permite ter unha visión global da construción. Dende o alto da muralla podemos apreciar os diferentes tipos de construción que hai dentro do castro como os de planta cadrada ou redonda, de diferentes tamaños ou con acceso a través de escaleira ou a nivel de chan.

Desde o alto da muralla tamén poderemos observar a organización do castro e descubrir os diferentes camiños que xa contaban cunha ordenación espacial que non é casual senón que responde ás necesidades concretas dos habitantes do castro. Estes camiños articulan e ordenan as diferentes construcións creando zonas de vivenda, áreas de uso artesanal ou espazos para almacenaxe.

Baixaremos da muralla no lugar onde se atoparía a porta oeste que na actualidade está sen escavar. Antes de avanzar ata o interior da croa poderemos visitar o antecastro oeste, un amplo espazo aplanado de forma artificial que serviu como como expansión do castro e puido contar con usos moi diversos.

Desde o antecastro subiremos cara o centro da croa e a man esquerda chegamos a unha construción complexa, unha casa patio onde todas as estruturas teñen muros rectos e que estaban organizadas en torno a un patio pavimentando con lousa. A singularidade deste conxunto vén dado tamén pola gran importancia dos achados que se realizaron da época galaico romana tardía onde apareceu unha gran cantidade de cerámica romana importada, vidros e obxectos de luxo.

Continuando polo interior do castro poderemos descubrir diferentes zonas de construcións como a área nororiental, onde conviven estruturas independentes de planta circular con outras de planta cuadrangular. Nesta zona hai unha construción alargada e de gran tamaño con case 18 metros de longo e 4 metros de ancho e se ben non está claro o seu uso si parece seguro que se trataba dun espazo de uso social ou comunitario.

Por último visitaremos a área suroriental onde poderemos observar un conxunto composto por diferentes estancias pegadas que contan cun corredor interno que separa as diferentes partes desta construción.

Unha vez remata a visita polo castro poderemos volver ao punto de inicio e acceder ao museo onde atoparemos información sobre a historia dos traballos arqueolóxicos, o espazo natural no que se atopa o castro e información sobre a vida e os materiais propios dos antigos habitantes do Castro de Viladonga. Dende este punto de inicio sae tamén unha ruta de dificultade baixa que chega ata o núcleo de poboación de Castro de Rei.