Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Granxa Gayoso Castro acolle o XV Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega

Por 3 Outubro, 2023Sin comentarios

A décimo quinta edición do Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega arrancou este martes cunha introdución ao libro xenealóxico e coa explicación teórica e práctica sobre a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza.

O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, deulle a benvida este martes ás persoas participantes no XV Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega, que desenvolve a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga) nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación, situadas en Castro de Rei.

Francisco Cajoto subliñou o “compromiso claro” da Deputación co sector primario, como “un dos grandes motores da provincia, en termos de xeración de emprego, de dinamización económica, pero tamén para o coidado do medio ambiente, para a ordenación do territorio, e para todo o que ten que ver coa preservación da nosa identidade”. Un compromiso, explicou o Deputado, que se “materializa en gran medida na Granxa Gayoso, cunha ampla actividade destinada a apoiar ás explotacións gandeiras de vacún de carne e de leite, que desenvolvemos en colaboración con entidades como é ACRUGA, no caso da Rubia Galega”.

Neste caso, coa actividade formativa que arranca hoxe, a Deputación busca “seguir mellorando o coñecemento da Rubia Galega e das súas características, tanto morfolóxicas, como xenéticas, para continuar avanzando así na promoción e mellora desta raza, e, polo tanto, das propias explotacións gandeiras, o que, sen dúbida, repercute no desenvolvemento da nosa provincia”.

Dúas xornadas de formación

A décimo quinta edición do Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega arrancou este martes cunha introdución ao libro xenealóxico e coa explicación teórica e práctica sobre a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza. Os participantes adquirirán conceptos básicos para xulgar aos animais de aptitude cárnica formándose sobre o prototipo racial para poder valorar os exemplares.

Mañá mércores, a formación continuará ao longo da mañá con prácticas de valoración dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. E o sábado, 7 de outubro, os alumnos poñerán en práctica os coñecementos adquiridos no Pazo de Feiras e Congresos a través dunha actividade de valoración morfolóxica dos animais que participan nos certames da Mostra Agrogandeira A Rural, Expolugo, dentro das festas patronais do San Froilán. Ao final da xornada farase entrega dos diplomas acreditativos e terá lugar a clausura do curso.