Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Licitan o contrato de mantemento e reparación do robot de muxido da Granxa Gayoso Castro

Por 14 Outubro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación dun contrato para a prestación do servizo de mantemento e reparación do equipamento do robot de muxido da Granxa Experimental de Leite que a institución provincial ten en marcha nas instalacións de Gayoso Castro, en Castro de Rei, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

García Porto indicou que o contrato ascende a 40.820,58€ anuais, e ten unha duración de un ano, con posibilidade de prórroga por outros tres. O contrato, asegurou, permite “garantir o normal funcionamento da Granxa Experimental de Leite, un centro pioneiro en Galicia, pois é o primeiro público na comunidade autónoma que une formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo para poñelas ao servizo dos gandeiros e gandeiras”.

Recordou que a Granxa cubre unha parte moi importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, “o que supón un engadido de calidade na formación do alumnado porque fai prácticas nun laboratorio vivo. Cada ano fórmanse nestas instalacións da Deputación de Lugo 500 alumnos e alumnas do Grao de Veterinaria”.

A Granxa Experimental de Leite e o conxunto das instalacións que a institución provincial ten en Gayoso Castro, onde se desenvolve ademais actividade de recría de gando vacún de leite e de Raza Rubia Galega, “son un auténtico referente en canto a iniciativas públicas en apoio das explotacións gandeiras, e constitúen un dos piares máis importantes do respaldo que prestamos dende a Deputación de Lugo ao sector primario como un motor fundamental para a economía da nosa provincia”, subliñou a Deputada.