Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Galiña de Mos foi a protagonista da fin de semana na Chaira

Por 30 Outubro, 2023Outubro 31st, 2023Sin comentarios

Este domingo tivo lugar a XII Expodegustación de Galiña de Mos, celebrada en San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei e organizada pola Asociación de Avicultores da raza da Galiña de Mos (Avimós) e máis a asociación de veciños.

A exposición contou con máis de cento de animais desta raza autóctona, de criadores locais -de San Xiao de Mos, Coea, Pacios, Castro de Riberas de Lea, ou Castro de Rei- e doutros concellos lucenses como Vilalba, Pol e Riotorto e Láncara.

As persoas asistentes puideron degustar a carne da galiña de Mos en distintas receitas. A área de Medio Rural da Deputación de Lugo colaborou coa organización desta expodegustación.

O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García asistiu ao evento e explicou que “a colaboración encádrase no apoio da área de Medio Rural as asociacións gandeiras que traballan na conservación e a promoción das razas autóctonas e as criadoras e criadores que producen alimentos de gran calidade e contribúen a manter o medio rural vivo”.

Tamén estivo Carme Aira, que felicitou á asociación Avimós e á asociación de veciños que organizan este evento “por todo o labor que levan feito a prol da conservación desta raza autóctona que a piques estivo de desaparecer e que agora goza de boa saúde”.

Así mesmo, Olga García, destacou a importancia da celebración deste evento “este tipo de feira visualiza a parte rural de Castro de Rei, tan necesaria para pór en valor o noso rural, convertendo a crianza desta raza en algo fundamental para a nosa economía local”.