Skip to main content
Guitiriz

A subdelegada felicita á Biblioteca de Guitiriz polo seu plan de dinamización

Por 24 Outubro, 2023Sin comentarios

Isabel Rodríguez puxo en valor a importancia das bibliotecas para os núcleos pequenos de poboación, sendo “un lugar de xuntanza, aprendizaxe e lecer de calidade, moito máis que un sitio de lectura”.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou hoxe a Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera de Guitiriz para felicitalos por acadar o premio María Moliner outorgado polo Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa entrega de 2.772 euros. A biblioteca de Guitiriz obtido foi unha das premiadas polo labor que estiveron a facer con actividades encamiñadas á animación da lectura no municipio. A subdelegada, acompañada da alcaldesa, Marisol Morandeira, e a responsable da biblioteca, Ana María Pérez, enxalzou “o traballo indispensable para achegar o arte literario a todos os sectores sociais e a todos os tipos de públicos”.

“A recompensa espero que serva de empuxe para que a biblioteca sega a funcionar tal e como o viña facendo ata agora e poida mellorar e crear máis actividades na súa misión de promover e promocionar a lectura aos máis de 5.000 habitantes de Guitiriz”.

A subdelegada puxo en valor a importancia das bibliotecas para os núcleos pequenos de poboación, sendo “moito máis que un sitio de lectura”, en referencia a “crear espazos de entretemento, convivencia e lecer de calidade”. Asegurou que “é un orgullo que Guitiriz leve un premio a nivel estatal, un recoñecemento ás cousas que se fan ben, situándose nun lugar destacado e facéndose un oco como centro cultural de referencia para os guitiricenses”.

A biblioteca foi premiada polo seu proxecto “A biblioteca sen parar, ao teu alcance”, que recolle preto das 50 actividades que teñen como obxectivo a animación da lectura de todos os veciños e veciñas. Este proxecto baseouse en actividades dirixidas a todos os públicos, empezando dende nenos de 4 a 10 anos, público adolescente e máis adulto, co obxectivo de promover os libros a través de actividades, obras de teatro, certames de poesía, exposicións, charlas e presentacións de libros cos autores, entre outras.

Premios María Moliner

Os Premios María Moliner están financiados polo Ministerio de Cultura e Deporte a través da Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, contando cun investimento total de 1,1 millóns euros e nos que colabora tamén a Federación Española de Municipios e Provincias. Están dirixidos aos municipios de menos de 50.000 habitantes, premiando os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas súas bibliotecas.

O proceso de selección lévase a cabo mediante a análise dunha serie de criterios, tendo en conta a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, así como a orixinalidade.

Este programa presenta unha gran importancia estratéxica, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes, polo que a iniciativa ten un gran alcance sobre o territorio. Nesta edición, presentáronse 562 municipios de toda España, premiando a 370 bibliotecas, que destinan o premio á compra de libros o de publicacións periódicas por parte das bibliotecas.