Skip to main content
Muras

Supervisan en Muras as obras de humanización do Campo da Feira do Viveiró

Por 19 Outubro, 2023Sin comentarios

José Tomé Roca coñeceu xunto ao alcalde o avance dos traballos, xa na súa fase final, nos que a institución provincial inviste preto de 400.000€ para transformar este espazo público, facéndoo máis accesible, cómodo e seguro, e renovar as redes de pluviais e saneamento, alumeado público, abastecemento, enerxía eléctrica e telecomunicacións.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, supervisou este xoves o avance das obras de humanización do Campo da Feira do Viveiró, ás que a institución provincial destina 400.000€, o que representa o 93% do orzamento total necesario para acometer a actuación.

O mandatario provincial e o rexedor comprobaron que os traballos están na fase final, pois nestes momentos estase acondicionando a LU-P-3402, que é a vía de acceso á contorna do Viveiró. Polo tanto, se as condicións meteorolóxicas o permiten, o Campo da Feira estará renovado para inicios de novembro.

José Tomé subliñou o impacto positivo que terá en termos económicos e sociais esta actuación financiada pola Deputación en Muras, “unha mostra máis”, engadiu, “da continua colaboración que mantemos cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños, e poder fixar así poboación no rural”.

Con estas obras de renovación recuperarase o campo da feira orixinal reordenando os usos e humanizando o entorno, co obxectivo de levar a cabo un profundo cambio na concepción da praza pasando a ser unha superficie de plataforma única máis accesible, cómoda e segura. Contará cun acabado de formigón lavado, con bandas lonxitudinais de pedra de 10 centímetros de ancho, e as estradas provinciais de acceso, a LU-P-3402 e a LU-P-6502, quedarán delimitadas coa plantación de arborado.

Nunha primeira fase, os traballos realizados consistiron na demolición das beirarrúas, o adoquinado, bordos e firmes da totalidade da superficie do ámbito de actuación, coa intención de liberar a zona. O proxecto inclúe a renovación das redes de servizos: pluviais e saneamento, alumeado público, abastecemento de augas, enerxía eléctrica e telecomunicacións. Ademais, plantaranse un total de 23 árbores e transplantaranse 3 existentes, entre os que haberá pradairos, acivros, castiñeiros, castaños e loureiros.

Finalmente, os traballos rematarán coa instalación do novo mobiliario urbano, que estará formado por papeleiras de 45 litros de capacidade, con corpo de aceiro galvanizado e cuberta de madeira, e bancos circulares, do mesmo estilo, de 2 metros de radio.

A previsión é que o novo Campo da Feira do Viveiró estea a punto para acoller o día 19 de novembro a celebración dunha nova edición dun dos eventos máis importantes do municipio como é a Feira do Mel.

Compromiso con Muras

O presidente da Deputación trasladou durante a visita que a institución provincial leva investido preto de 3M€ no municipio de Muras desde o ano 2019, destinados á mellora das infraestruturas, estradas, fomento do emprego e políticas sociais.

Ademais do Campo da Feira do Viveiró, a Deputación, a través dun convenio co Concello, financiou de forma íntegra, con máis de 225.000€, a humanización da Praza da Galeguidade, que gañou en accesibilidade, comodidade e na que se reduciu considerablemente o tráfico.