Skip to main content
As Pontes

As Pontes retoma mañá os Xoves na Biblio con dúas sesións este mes

Por 4 Outubro, 2023Sin comentarios

Arranca de novo o programa Xoves na Biblio das Pontes este mes coa celebración de dúas sesións, que darán mañá xoves, día 5, co espectáculo Rilla-Rilla, de Xarope Tulú, dirixida a nenos a partir de 5 anos.

Donas e cabaleiras, señoras e señores, picarada toda… Benvidas ao concurso sobre a lingua onde apañamos as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo nos ha facer viaxar entre valumada. Se non oístes falar do cínefre, ou non sabedes o que é un día de garabullos, se nunca se pousou en vós unha lagáchima, andade atentas! Abride ben os ouvidos e deixádevos levar por esta música de salitre. Remangade ben o pantalón, que para apañar palabras é preciso mollar os pés!

A seguinte cita será o xoves 26, unha sesión de contacontos co título Agasallo das árbores, a cargo de Cris Caldas, tamén apta para nenos a partir dos 4 anos.

Cando a avoa Carmela sacaba do seu peto de superheroína un bocata de mortadela, había conto para a nena. Unha tarde, decidiu contarlle a verdadeira historia da familia dos porquiños máis famosa do mundo dos contos. Amor e respeto polo medio ambiente, unha versión feminista e gamberra dos Tres porquiños, humor, música e moitos contos, son os ingredientes desta sesión de contacontos musical.

As sesións serán coma sempre, ás 18.00 horas na Casa Dopeso e de balde. Precisa inscrición previa no teléfono 982 102 562.