Skip to main content
Vilalba

Dimite a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro

Por 3 Outubro, 2023Sin comentarios

A rexedora renunciou ao seu cargo na última sesión plenaria e será substituída por Marta Rouco, segunda tenente de alcalde.

O PSOE de Vilalba comunica a dimisión da alcaldesa Elba Veleiro, que vén de reununciar ao cargo na sesión plenaria celebrada na tarde deste luns 2 de outubro. A rexedora tomou a palabra antes do remate do pleno para informar da renuncia á acta ante a corporación.

Veleiro pon fin a dezaseis anos de actividade política como primeira alcaldesa na democracia en Vilalba, argumentando a súa vontade de incorporarse de novo ao seu posto no centro de saúde antes da súa xubilación. Motivou a súa decisión en base a tres cuestións fundamentais: o cumprimento do encargo asumido de conseguir dúas alcaldías progresistas para Vilalba e arrebatar o poder ao PP na localidade despois de máis de 40 anos; a idoneidade do momento para dar relevo a un equipo consolidade e forte; e finalmente o seu desexo de volver á súa profesión e rematar alí a súa vida laboral, “nun momento no que fan falta profesionais, porque como todos sabedes o meu cupo de pacientes leva sen cubrirse desde finais do 2022”.

Desde a Agrupación Socialista de Vilalba, a través do seu secretario xeral, Eduardo Vidal, quixeron facer un agradecemento expreso “á conduta e compromiso intachable da compañeira Elba, así como un recoñecemento á súa figura como persoa que durante varias lexislaturas encabezou o equipo que nos levou a conseguir o fito histórico de que o Partido Socialista gobernara por primeira vez en Vilalba”.

Nesta liña, aseguraron coñecer “a súa dedicación plena aos demais, polo que respectamos a súa decisión de continuar nesa senda dende o que realmente lle apaixoa, o servizo público, agora dende a sanidade”. Engadiron que “ten e seguirá tendo o recoñecemento do Partido Socialista, entre outras cousas porque sabemos que dende o lugar no que se atope seguirá apoiando as ideas de progreso, solidariedade e igualdade, pois foron as que levaron aos socialistas vilalbeses, con ela á cabeza, ás máis altas responsabilidades de goberno”.

Relevo

A proposta do Grupo Municipal Socialista sinala á actual secretaria de organización da Agrupación e segunda tenente de alcaldesa, Marta Rouco, para coller o relevo na Alcaldía, cuestión que foi ratificada por unanimidade pola Comisión Executiva Local.

Os socialistas sitúan á número dous nos pasados comicios electorais como a responsable de asumir o bastón de mando “pola súa capacidade de xestión, experiencia na administración local e coñecemento da realidade social vilalbesa”. Con esta decisión, o PSOE asegura a continuidade da acción política progresista no concello, sempre coa perspectiva de acadar as mellores condicións de vida para a maioría das persoas.

Marta Rouco, natural de Goiriz, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, cun mestrado en Administración Financieira e Tributaria expedido pola mesma universidade.

Ocupou postos de xestión e administración en distintas sucursais bancarias, traballando durante oito anos nunha mutua colaboradora coa Seguridade Social. Actualmente, é a xerente do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incencios e salvamento.

“Despídome coa satisfacción de ter acadado dúas alcaldías progresistas para Vilalba”

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, puxo fin deste xeito a 16 anos de actividade política na localidade, acadando dúas alcaldías progresistas tras lograr no ano 2019 converterse na primeira alcaldesa muller na democracia en Vilalba.

“Teño que comunicar que hoxe entrego a miña acta e poño fin ao meu mandato de alcaldesa”. Así comezou a súa última intervención, onde explicou os motivos desta decisión “tomada coa serenidade, a reflexión e a tranquilidade que dá o traballo feito e a satisfacción de ter entregado o mellor de min nestes anos”. Explicou que este fin á representación pública viña motivado principalmente por tres razóns. A primeira delas é a de ter cumpridas as responsabilidades que asumiu ao inicio da súa andaina política, conseguindo dúas alcaldías progresistas para Vilalba. O segundo dos motivos está “no meu desexo de rematar a vida laboral no ambulatorio, quero volver á miña profesión especialmente nun momento no que a sanidade necesita máis profesionais”, explicou Veleiro en alusión á falta de médicos, “pois xa sabedes que desde finais do ano pasado ninguén está cubrindo o meu cupo de pacientes”.

“A miña prioridade sempre foi servir ás persoas, ser de utilidade aos vilalbeses e vilalbesas, e creo que agora, momento no que se achega a miña xubilación, onde mellor podo continuar ese servizo público é no ambulatorio de Vilalba”.

Finalizou a súa argumentación cunha terceira razón. “Estou plenamente convencida de que deixo un equipo forte, con experiencia de xestión, con compañeirismo, e sobre todo, cun proxecto para Vilalba definido e todo o necesario para levalo á práctica: capacidade, ideas, traballo, ilusión e conviccións”, asegurou, remarcando que “chegou o momento de dar o relevo”.

Non se quixo despedir sen antes agradecer a todo o persoal do concello “que traballa diariamente desde cada un dos departamentos na procura de solucións e a mellora dos servizos para os vilalbeses”, dando as grazas tamén a todos os concelleiros e concelleiras coas que compartiu corporacións desde o 2007, “tamén a esta corporación, que desexo que siga traballando para chegar a acordos antepoñendo os intereses dos veciños”.

Ao remate do seu discurso, dedicou unhas palabras aos seus compañeiros e compañeiras do Partido Socialista, “porque xa son moitos anos traballando man a man, porque foi un pracer crecer con vós a nivel político e persoal, aprender de cada un dos tropezos, desfrutar con cada un dos proxectos feitos realidade, e en definitiva, sumar esforzos para ver a Vilalba pola que sempre loitamos, máis igualitaria, con oportunidades para todos e todas e máis transparente. As bases están consolidadas, pero seguiredes contando comigo”.

“Tamén estarei sempre para todos e cada un dos veciños e veciñas de Vilalba, porque nunca estarei o suficientemente agradecida de ter a honra de representarvos como alcaldesa nestes últimos anos”.