Skip to main content
Vilalba

Insua prepárase para vivir este sábado unha nova Tasca do Liño

Por 23 Outubro, 2023Sin comentarios

– O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e representantes da organización -a asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua-, presentaron este luns en San Marcos o programa da cita que ten como obxectivo poñer en valor este oficio tradicional.

A Deputación de Lugo apoia a celebración dunha nova edición da Tasca do liño de San Bartolomeu de Insua, que se celebrará este sábado ao longo de todo o día no Campo da Festa desta parroquia de Vilalba. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a presidenta da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero, presentaron este luns o programa no Pazo de San Marcos para esta cita coa que colabora a institución provincial.

Rivera Capón felicitou á organización por sacar adiante unha nova edición e facelo “con tanto cariño e compromiso”. “Un encontro coa tradición e coa historia, pero tamén co noso futuro porque a Tasca do Liño de San Bartolomeu de Insua revive, divulga e dignifica a historia téxtil da comarca da Chaira e, ao mesmo tempo, supón unha aposta por proxectar este oficio grazas ao labor de recuperación que desenvolven as mulleres desta asociación”, subliñou o Deputado, quen remarcou o apoio da institución provincial á iniciativa porque “serve para facer comunidade, para visibilizar e coidar todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do territorio”.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceulle ao colectivo organizador o labor de recuperación que leva a cabo, ademais de destacar o protagonismo das mulleres: “É moi importante porque o fan mulleres e temos que apostar por deixar fóra do esquecemento os traballos que viñan facendo”. “É un privilexio para Vilalba ter esta asociación e que organice esta xornada”, sinalou Rouco, quen tamén aproveitou para convidar a todas as persoas que o desexen a asistir e desfrutar dos actos que están previstos para o sábado.

Lourdes Otero debullou o programa que teñen previsto para esta Tasca do Liño. Explicou que a maiores das citas que van fixadas cunha hora concreta, tamén haberá ao longo de todo o día degustacións da cervexa artesá AleAlé, exposición de cerámica galega do Centro de Artesanía (Centrad), sinaturas do libro de Cristian F. Caruncho e Miriam Fernández Otero, e ducias de postos artesáns e artesanía en vivo.

Programa

  • 11:00h. Apertura da xornada
  • 11:15h. Pregón de Mario Outeiro, mestre e escritor
  • 12:00h. Demostración da Tasca do Liño
  • 12:45h. Actuación de Pablo Carpinteiro
  • Xantar: food truck AleAlé
  • 16:00-19:00h. Obradoiro/Demostración de Torno cerámico: Cenizas de papel
  • 17:30h. Demostración da Tasca do Liño
  • 18:00h. Degustación do Cacho
  • 18:30 Actuación musical de Tiruleque
  • 20:00 Conxuro da Queimada a cargo de Manuel Ferreiro