Skip to main content
Xermade

O PP de Xermade solicita ao Goberno un maior compromiso coas asociacións

Por 8 Outubro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Xermade condena “a falta de compromiso” do goberno socialista coas asociacións veciñais por “desentenderse da organización de actividades e cursos que se viñan realizando polas parroquias e trasladarlles a estes colectivos a responsabilidade de xestionar a contratación, coordinación, organización e pago”.

Os populares lembran que as actividades polas parroquias foron postas en marcha polo goberno do Partido Popular co obxectivo de “achegar estas actividades de dinamización social a tódolos veciños nas súas propias parroquias favorecendo a participación de todas aquelas persoas que non dispoñan de transporte para achegarse a outros puntos”.

Os concelleiros do PP, que puxeron esta cuestión enriba da mesa durante o pleno de setembro, lamentan que “o goberno local trate de xustificarse dicindo que deste xeito cada parroquia realiza as actividades que considera máis interesantes”. Este argumento non se sostén porque “o propio Concello podía manter reunións informativas ou facer outro tipo de consultas coas que determinar que actividades ofrecer en cada unha das parroquias”.

Os populares consideran que “con esta acción” o goberno socialista está a afondar no “deterioro dun servizo que ofrecía o Concello” que supón “abandonar á veciñanza” como ten demostrado coa suba de impostos “para a que non tiveron reparo ningún”.