Skip to main content
Xermade

A Deputación cede ao Concello de Xermade dous treitos da rede vial

Por 13 Outubro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, a cesión da institución provincial ao Concello de dous tramos en bo estado da rede viaria provincial. Trátase da estrada LU-P-2202, de Pedreira a Casanova, entre o punto quilométrico 1,220 e 1,920, e a LU-P-2215, de Roupar á Torre, dende o comezo ao punto quilométrico 0,082.

Esta sinatura chega tras o acordo plenario celebrado este ano e beneficiará ao centenar de veciños e veciñas de Roupar ao incorporarse ambos tramos ao patrimonio viario municipal. Tomé Roca destacou a importancia destes acordos que demostran o compromiso do goberno da institución provincial cos concellos da provincia e a súa veciñanza.

Ademais, nesta zona estanse a levar a cabo traballos para a creación dun parque infantil financiado pola Deputación de Lugo a través do Plan Único cunha achega de preto de 60.000€.

A Deputación con Xermade

Dentro desta liña de colaboración, a institución provincial destinou dende 2019 máis de 3M€ a Xermade, no que se inclúen a construción deste espazo de lecer en Roupar. Unha das actuacións máis destacadas foi a renovación da LU-P-2204, de Momán ás Pontes, cun investimento total destinado pola Deputación que suma 1,5M€. Acometéronse tamén melloras nun cento de vías municipais, accesos como o do campo de fútbol de Momán e a renovación de beirarrúas en Roupar e Momán, entre outras actuacións.