Skip to main content
Xermade

Arranca mañá a Invernada de Cine de Cabreiros con ‘Matria’

Por 20 Outubro, 2023Sin comentarios

A casa escola de Cabreiros volverá ser sede este outono da Invernada de Cine, que este ano chega á súa undécima edición con proxeccións durante os meses de outubro, novembro e decembro.

O programa contará con tres proxeccións e dúas actuacións que este ano comezarán este sábado con Matria. Será ás 18.30 horas. Película que narra a vida de Ramona, unha muller de corenta anos, que vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Un día crúzase con Xosé, un home con quen constrúe unha inusual amizade que lle permite pensar que, tal vez, exista algo novo polo que vivir. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara adentro e a pensar que, tal vez, exista algo novo polo que vivir.

Continuarán o 4 de novembro, á mesma hora, co documental Segadores da Órrea en terras de Castela. Este documental é un feito histórico, social, antropolóxico e cultural narrado por 31 homes e mulleres que o viviron en primeira persoa. Conta, tamén, coa participación de varios segadores da Órrea residentes en Meira.

A seguinte sesión, prevista para o 18 de novembro, será un concerto coa actuación de Xoán Goía.

O cine voltará o 2 de decembro coa película Un franco, catorce pesetas. O film sitúase na España de 1960 con dous amigos, Martín e Marco, que deciden marchar a Suíza na procura de traballo. Deixan ás súas familias e emprenden unha viaxe cara a unha nova vida na Europa do progreso e as liberdades na que deberán adaptarse cunha mentalidade máis aberta.

A Invernada de cine chegará ao seu final o 16 de decembro cun espectáculo infantil e familiar a cargo de Pesdelán, que combina a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos.