Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mancomunidade está a elaborar estudos de capacidade de carga de once recursos enclavados en espazos naturais

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense avanza na execución do Plan de Sostibilidade Turística 2022 – 2024. Así, a entidade traballa na elaboración de estudos de capacidade de carga de once recursos enclavados en espazos naturais, de especial fraxilidade e con gran afluencia de visitantes en rangos espazo-temporais relativamente curtos e a implantación de medidas de continxencia. O pasado mes de agosto foi adxudicado este traballo á empresa Antea Group.

Desde a Mancomunidade explican que “se trata dunha actuación enmarcada dentro do plan operacional de turismo deportivo e de natureza deste PST no que se vén traballando xunto a Concellos e axentes relacionados dende hai xa meses”.

Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, referiuse a esta actuación: “o desenvolvemento dunha correcta xestión do territorio en termos turísticos pasa por un adecuado manexo das visitas, especialmente naqueles puntos que contan con características intrínsecas que os converten en especialmente fráxiles e tamén aqueles que reciben unha gran cantidade de turistas. Así, identificáronse once lugares de xestión municipal  sensibles onde se vai valorar e medir o impacto do turismo para poder propoñer medidas de continxencia no caso de ser necesario. Estes lugares son: Fuciño do Porco, Fervenza do Escouridal, Fervenza do Río Xestosa, Salto do Coro, Pozo da Onza, Pozo da Ferida, Cova da Doncela, Cantís de Morás, Antigas Fábricas de Sargadelos, Castro de Fazouro e Santo Estevo do Ermo”.

Tania Hermida, xerente do Plan de Sostibilidade, relatou que “existen suficientes evidencias que demostran que, de non tomar accións que conduzan a unha correcta xestión do turismo en puntos sensibles ou moi masificados, pode verse afectada a calidade ambiental da zona en cuestión como tamén o turismo do territorio, xa sexa pola merma na satisfacción das persoas visitantes coma por unha posible animadversión da poboación local. Con esta actuación, e dentro das capacidades da Mancomunidade, búscase contribuír a unha correcta xestión do turismo no territorio. Para iso a empresa adxudicataria, Antea Group, está analizando de xeito pormenorizado estes once recursos, e encargarase de determinar a capacidade de carga dos mesmos – tanto física, como ecolóxica e psicolóxica – e propoñer un modelo de xestión adaptado a cada recurso, que estableza as propostas e actividades de continxencia a levar a cabo. Dentro deste contrato, pendentes da primeira fase de diagnóstico e desenvolvemento dos estudos de capacidade de carga e das propostas de regulación, implantaranse as medidas propostas que sexan posibles”.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, contou que “na fase de análise destes recursos estanse realizando enquisas en campo nos 11 recursos, co obxectivo de recadar a  opinión e valoración das persoas visitantes, así coma o seu perfil, para coñecer a analizar a situación tamén desde a perspectiva do visitante. No mes de agosto fíxose a primeira campaña de enquisas e durante o outono está prevista realizar outra. O clima adverso destas últimas semanas está dificultando que se leve a cabo a de outono, polo que tamén se vai facer unha campaña online a través dun formulario totalmente anónimo que se vai compartir nas redes sociais da Mancomunidade e dos concellos. Animamos á xente que nos últimos meses tiveran oportunidade de visitar estes recursos a que poidan colaborar coa súa participación”.

Desde a Mancomunidade indicaron: “no contexto do PST e con relación a estes estudos de capacidade de carga, está contemplado poñer en marcha un Observatorio de Turismo Sostible para o que os técnicos da Mancomunidade traballan na súa concreción. Unha ferramenta que permita a recompilación, análise e interpretación de datos con incidencia na actividade turística, facilitando a formulación e posterior implementación de políticas, estratexias, plans e xestión dun turismo sostible no territorio”.

Acceso ao formulario: https://forms.office.com/e/0pFEdhgZtR