Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXA

Ledicia, unha asociación en prol de Burela

Por 5 Novembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Rocío Rivera é membro da directiva da Sociedade Recreativa Ledicia.

Que é Ledicia SCR?

A Sociedade Cultural Recreativa Ledicia é unha asociación cultural que nace en Burela nos anos 70 coa intención de animar a vida sociocultural do pobo. Foi constituída legalmente o 24 de novembro de 1974 e comezou a traballar coa base dun grupo de teatro e unha agrupación coral. En moi pouco tempo comezaría tamén o traballo da escola de baile e música tradicional, pola que levan pasado varias xeracións de persoas de Burela.

Conta con moitos socios?

Na actualidade forman parte da asociación cerca dun cento de familias.

Teñen actividades durante todo o ano?

Si, mantemos a actividade todo o ano coa escola de baile e música tradicional, así como diferentes accións enfocadas a socializar o tempo libre. Tamén como actividades principais organizamos a Cabalgata de Reis, a Feira do Bonito e actividades relacionadas coa cultura e tempo libre, como pode ser a celebración de festivais, cursos e exposicións.

Tamén son colaboradores noutras moitas actividades de Burela, non?

Por suposto. Colaboramos na celebración do Entroido, nas actividades de Semana Santa, nas Festas Patronais, na Festa Castrexa, na Festa da Castaña, nas actividades de Nadal e con calquera outra organizada polo Concello e/ou outras asociacións do pobo que solicitan axuda.

Quen forma a directiva e dende cando se atopa na presidencia?

Na xunta directiva actual están 8 persoas. Sofía González, Sonia López, Santiago Rivera, Josefa López, Samuel González, Idara López e Rocío Rivera. Esta última na presidencia dende hai algo máis de 20 anos.

As Grileiras son un grupo que se creou da man de Ledicia, non?

Si, son un grupo de sete rapazas que se coñeceron ao formar parte da asociación e nalgúns casos xa súas nais pertencen ao colectivo, e pouco a pouco a súa afección pola pandeireta foinas unindo ata crear o grupo.

Contan con apoio municipal para as actividades?

Si, cóntase cunha subvención anual para actividades culturais, e axudas específicas para a Feira do Bonito.

Que é o mais importante que conseguiu a asociación?

A compra dun local social propio, o feito de manter unha actividade continuada durante tantos anos, con altibaixos ao longo do tempo, e consolidar a celebración da Feira do Bonito, da que se celebrou este pasado agosto a edición numero 36.

Que novos proxectos teñen de cara ó futuro?

Despois do parón provocado pola pandemia, o máis importante neste momento é que a escola de baile e música tradicional volveu á súa actividade total, tanto nos ensaios como nas actuacións e viaxes para intercambiar coñecementos culturais con outras agrupacións; e que isto nos permita consolidar unha actividade adicada exclusivamente á cultura tradicional.

Para esta tempada de outono-inverno, que actividades teñen preparadas?

Está en marcha a escola de baile e música tradicional, con ensaios de música os mércores e venres, e de baile os xoves para adultos e os venres para a sección infantil. Tamén está activo o curso de bordado, os xoves a partir das 16.30 no local social; e outro multidisciplinar de encaixe de bolillos, calceta e ganchillo os mércores a partir das 20.30 horas.

Algunha outra actividade?

Si, estamos preparando unha foliada para o 11 de novembro. Tamén en setembro participamos en Ortigueira nunha foliada a cargo de Carecos, e en outubro nas San Lucas de Mondoñedo.

Como poden poñerse en contacto os que queiran participar?

Para máis información será necesario contactar a través do mail lediciascr@gmail.com ou por teléfono chamando ao 696 223 304 para música e baile; e no 616 995 097 para cursos.

 

 

>No xornal novembro detectamos que unha das fotografías non corresponde á Asociación Ledicia de Burela senón á Asociación Arume de Burela. Pedimos desculpas polo erro cometido.