Skip to main content
CervoMar AMARIÑAXA

Villares destaca a importancia das carpinterías de Ribeira nas xornadas de Cervo

Por 12 Novembro, 2023Sin comentarios

O conselleiro ve o Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 como a gran ferramenta para poñer en valor e transmitir as próximas xeracións a riqueza e legado mariñeiro.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na inauguración das XII Xornadas de Construción Naval en Madeira que, organizadas pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), abordaron o pasado, presente e o futuro que lle agarda a este emblemático labor artesanal baixo o título Singraduras pendentes. O titular de Mar destacou a importancia das carpintarías de ribeira como un dos oficios e actividades fundamentais dentro do patrimonio mariñeiro de Galicia.

Na casa consistorial de Cervo, Alfonso Villares destacou a importancia dun traballo nacido da sabedoría popular que constitúe un auténtico proxecto de país, pois a fabricación de barcos de madeira favorece a silvicultura sostible e vincula a dúas industrias estratéxicas, como son a forestal e a marítimo-pesqueira. Na actualidade permanecen activos en Galicia uns 14 estaleiros cuns 130 traballadores que proveñen da carpintería de ribeira.

O representante autonómico enxalzou o traballo de Agalcari para dignificar a construción duns barcos cunha pegada de carbono próxima a cero e con pezas cen por cen reciclables, en procesos sustentables e cada vez máis optimizados con novas técnicas que permiten que se utilicen para renovar a flota da industria auxiliar da acuicultura ou de pesca artesanal. Ademais, a actividade demanda persoal altamente cualificado, abrindo a porta a solución formativas en materia de FP que poden contribuír á supervivencia do sector.

A carpintaría de ribeira está incluída no Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 como un dos grandes piares do acervo e o legado mariñeiro de Galicia. O conselleiro do Mar quixo plasmar “o noso compromiso irrenunciable coa cultura marítima como eixo que da sentido á identidade de Galicia” que se recolle no citado documento estratéxico. Este documento pode converterse, ademais, no mellor dos avais para que os saberes da carpintería de ribeira acaden por fin a declaración como ben de interese cultural.

O obxectivo da Xunta de Galicia é o de poñer en valor o compromiso co legado vinculado ao mar da nosa comunidade, un “importante tesouro” conformado polo conxunto de saberes e elementos, materiais e inmateriais, que debe ser conservado e transmitido para que o coñezan as xeracións vindeiras.

Alfonso Villares tomou a palabra xusto antes de Francisco Fra Rico, mestre carpinteiro de ribeira que falou sobre a historia desta actividade na zona de San Cibrao. O titular de Mar destacou sobre este profesional que é o mestre da sétima xeración dun taller fundado no 1806, polo que forma parte dunha estirpe de fabricantes de barcos que se remonta a máis de dous séculos atrás. Resaltou o seu traballo na divulgación da madeira como material óptimo na construción naval e tamén a solidariedade espertada por este artesán cando o lume se levou por diante part6e do seu taller en Cervo este mesmo ano e a sociedade articulou fórmulas para contribuír a afrontar os custos de reconstrución do estaleiro.

Importancia da formación

Nas xornadas celebrada en Cervo púxose de manifesto a necesidade de apostar por unha formación específica que facilite a remuda xeracional, para evitar que a falta de novos carpinteiros poña en perigo aos estaleiros. Tamén inflúe o feito de que aínda que moitas destas empresas se adaptaron aos novos tempos e materiais, o vello oficio dos carpinteiros navais perde peso: no último lustro entre todos eles construíron 27 embarcacións, e delas só 14 de madeira.