Skip to main content
Cervo

Os primeiros resultados da nova planta de biorresiduos de Cervo son de “excelente calidade”

Por 18 Novembro, 2023Sin comentarios

Os resultados das caracterizacións correspondentes á primeira entrega de materia orgánica procedente do Concello de Cervo na planta de biorresiduos de Sogama en Cuíña, evidencian unha calidade extraordinaria ao contabilizar un 98,21% de elementos propios (residuos de carácter orgánico) e tan só un 1,79% de impropios (algunha bolsa plástica e algunha botella de vidro).

As mostraxes realizadas por unha firma independente avalan o traballo previo de contenerización, dotación de medios e loxística despregado polo ente local, así coma o propio de información, formación e concienciación social desenvolvido no termo municipal co fin de que os veciños utilicen axeitadamente o contedor marrón e leven a cabo unha correcta selección da materia orgánica en orixe.

Cabe lembrar que Cervo foi o primeiro concello que entregou os seus biorresiduos na planta de compostaxe, dando mostras dunha gran fortaleza na recollida diferenciada da materia orgánica e o seu absoluto compromiso co cumprimento da lexislación vixente, xa que a normativa europea obriga aos municipios a instaurar este tipo de recollida antes do 31 de decembro do ano en curso.

Desta primeira entrega, que se materializou o pasado 8 de novembro, foron testemuñas a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez Álvarez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.

A instalación, á que se destinou un investimento de 6,4 millóns de euros, acolle todo o proceso de compostaxe -pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento- e dispón de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante —é dicir, podas e restos de madeira-. A produción estimada é de 1.500 toneladas de compost, cuxo destino será fundamentalmente a agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Ademais, a planta equipouse con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, e é autosuficiente desde a dimensión enerxética ao estar alimentada por enerxías renovables, concretamente con paneis solares, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.

Para o presidente de Sogama, Javier Domínguez, o resultado da primeira caracterización vén demostrar que o esforzo ten a súa recompensa, e por iso anima aos cervenses a colaborar activamente no sistema de recollida selectiva de residuos para contribuír a protexer o medio ambiente e a saúde. Neste sentido, trasladou as súas felicitacións ao equipo de goberno e a toda a veciñanza, e animou ao resto dos municipios a seguir o camiño de Cervo, un concello plenamente comprometido coa sostibilidade.