Skip to main content
Foz

O delegado do Goberno en Galicia comprobou de primeira man o novo sendeiro peonil entre Peizás e A Pampillosa

Por 14 Novembro, 2023Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisuou as obras xa finalizadas do sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa, que contan cunha achega de 886.000 euros. “Unha actuación financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que evidencia o compromiso do Goberno coa posta en valor dos recursos naturais do Concello de Foz, dentro da súa aposta pola dinamización económica e turística da Mariña, e que se enmarca dentro dos 4,4 millóns de euros proxectados para distintas obras na provincia de Lugo”, salientou o delegado.

As obras financiadas polo Goberno no litoral de Foz consistiron na creación dun sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa, nuns terreos expropiados que pasaron a uso de dominio público para este fin.

Cunha lonxitude de 1.600 metros, o novo camiño permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro. Estes novos traballos posibilitan un trazado continuado de paseo de preto de 15 km desde Barreiros ata A Pampillosa.

Pedro Blanco comprobou o resultado das obras acompañado polo alcalde de Foz, Francisco Cajoto, a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez, e o xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan. O delegado puxo de relevo que “a incorporación destes terreos para uso e desfrute dos veciños e veciñas tanto de Foz como da comarca da Mariña permitirá gozar desta senda peonil de preto de 1.600 metros, explorando novas franxas da costa e aproveitando os valiosos recursos naturais que ten este concello”.

O delegado quixo agradecer “a colaboración e o traballo do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, co fin de continuar a transformar este concello nun lugar máis amable con atractivos turísticos que conviven en perfecta harmonía coa natureza”. Neste senso, o paso dos terreos a dominio público e a finalización das obras “evidencian a aposta do Goberno pola conservación e mellora da costa da Mariña, promovendo ademais un turismo sustentable e respectuoso co medio ambiente”.

Durante a visita, tamén repasaron algunhas das actuacións xa finalizadas, como a da recuperación do sistema dunar na Pampillosa, cun orzamento de 80.000 euros, e tamén outras que aínda están en marcha, en referencia ás melloras na praia de Llas cun investimento de máis de 320.000 euros.